Reforzos para a portería do Xuvenil A

O Xuvenil A segue a reforzar o seu plantel para a Tempada 21/22 na que competirá na División de Honra. O conxunto branquiazul vén de incorporar a dous porteiros para competir na máxima categoría e ambos, tras confirmarse a súa incorporación, xa puideron participar nalgún adestramento do primeiro equipo.

O primeiro deles é Jose Chanza, meta valenciano que procede do CD Lugo, club co que competiu na tempada pasada na División de Honra. O novo canteirán branquiazul ten pasado, ademais, na base do Valencia CF, onde comezou a demostrar as súas grandes calidades.

Pola súa banda, o segundo porteiro confirmado é Carlos Trigo, rapaz que chega do Bergantiños CF, equipo co que acadou o ascenso á Liga Nacional na última campaña. Logo de doce anos en Carballo, o arqueiro chega á capital galega para seguir coa súa progresión futbolística.