Pablo e Anxo, dúas novas incorporacións para o Xuvenil A

O dianteiro Pablo Fernández Leonardo e o defensa Anxo Fernández Casal convertíronse en novos xogadores do Xuvenil A da SD Compostela para a Tempada 2021/22. Ambos chegan á capital galega con experiencia na División de Honra, a máxima categoría do fútbol xuvenil na que competirá este ano o equipo compostelanista.

Pablo é un dianteiro de enorme calidade que xogou dende moi pequeniño na base do Racing Club de Ferrol. No conxunto departamental foi escalando chanzos ata chegar ao xuvenil de División de Honra.

Con eles, disputou as dúas últimas campañas, polo que coñece ben a categoría. Pola súa banda, Anxo é un lateral dereito de gran proxección que chega dende a canteira do CD Choco.

Co equipo de Redondela, do mesmo xeito, competiu no último ano na División de Honra. Anteriormente, pasou polo Coruxo e polo Rápido de Bouzas, entre outros conxuntos do sur de Galicia.