Goris e Ozores, incorporacións para o centro do campo do Xuvenil A

  • Ambos estaban a adestrar co equipo dende o inicio da pretempada

O Xuvenil A da SD Compostela séguese a reforzar con xogadores con experiencia na categoría para o seu regreso á División de Honra. Os mediocentros Joaquín Goris e Pablo Ozores son as dúas últimas incorporacións, ata a data, para o conxunto que adestrará José Miguéns Rati.

Joaquín Goris Abelenda, curmán do ex-xogador do primeiro equipo, é un mediocentro de segundo ano que procede do Conxo Santiago, conxunto no que desenvolveu a súa carreira nas categorías inferiores tras saír do Dubra. O de Bembibre foi escalando chanzos na base do Santiago e do Conxo ata chegar ao seu Xuvenil de DH, disputando na súa estrea na categoría un total de 18 partidos, doce deles coma titular.

Froito do seu nivel e do seu gran traballo durante a pretempada, Goris foi convocado no día de onte co primeiro equipo para o partido disputado na Estrada, malia que non dispuxo de minutos. En todo caso, xa estivo adestrando ás ordes de Rodri Veiga e seguirá contando con oportunidades ao longo desta tempada.

Pola súa banda, o centrocampista Pablo Ozores chega procedente do Xuvenil DH do Burgos CF, no que xogou dezaseis encontros, cun gol, na última campaña. Natural de Boiro, conta con experiencia na categoría, posto que ademais da pasada tempada, no seu primeiro ano en idade xuvenil tamén estivo enrolado no equipo de División de Honra do Conxo Santiago (trece partidos e máis de 1.000 minutos).

Trátase, polo tanto, dun xogador cun enorme potencial, habitual das convocatorias da selección galega, que regresa a súa terra logo de seu paso pola cidade burgalesa.

Estas dúas fichaxes súmanse as xa confirmadas dos porteiros Chanza e Carlos, o lateral dereito Anxo, o lateral esquerdo Izan, o mediocentro Chucas e o dianteiro Pablo Leonardo.