édeporte.gal e a SD Compostela estrearán o documental ‘Picheleiros’ o vindeiro martes

  • A peza, realizada pola produtora galega e dirixida polo seu coordinador, César Fieiras, rememora a segunda fase da pasada tempada do conxunto santiagués.
  • O tráiler publicouse ás 12.00 horas nas redes sociais da plataforma audiovisual

édeporte.gal e a SD Compostela estrearán o vindeiro martes 24 de agosto o documental ‘Picheleiros’, unha obra realizada pola produtora galega que rememora o vivido polo proxecto branquiazul durante a segunda fase de competición da pasada tempada, na que o equipo regresaba á Segunda División B. Como antesala, esta mañá, ás 12.00 horas, lanzóuse o tráiler nas redes sociais da plataforma audiovisual: edeporte_ gal en Instagram, Twitter e Facebook.

Dirixida por César Fieiras, a peza, de algo máis de media hora de duración, compoñerase con entrevistas con xogadores, corpo técnico, persoal da entidade e directiva, así como con diferentes momentos vividos durante o desenvolvemento do citado play- off. O obxectivo, achegar ao afeccionado a como é o día a día do clube, ao mesmo tempo que se lembra a boa campaña realizada, un exemplo que serve de base para o novo proxecto, liderado por Rodri Veiga, que competirá na Segunda RFEF.

éDeporte é unha asociación cultural sen ánimo de lucro que iniciou a súa actividade o pasado mes de abril co obxectivo de dar a coñecer a parte máis humana do deporte e dos deportistas galegos, en galego e a través de pezas audiovisuais orixinais. A plataforma actúa tanto como produtora como distribuidora dos seus contidos, os que poden ser consumidos na súa páxina web (édeporte. gal) e nos seus perfís en redes sociais: edeporte_ gal en Instagram, Twitter e Facebook.

Este proxecto naceu da V edición da Bolsa Nacho Mirás, organizada polo Colexio de Xornalistas de Galicia, ABANCA e a USC, na que éDeporte foi seleccionado como gañador. A plataforma continuará coa súa actividade a partir do próximo mes de setembro introducindo a súa cámara en novos deportes, eventos e escenarios.

Para iso buscará durante as próximas semanas un patrocinador oficial interesado en colaborar co proxecto e cuxos obxectivos vaian en consonancia cos concretados pola asociación: contribuír ao desenvolvemento e visibilización da cultura deportiva e audiovisual galega, en galego, a través de pezas audiovisuais modernas, inclusivas e globais nas que a innovación narrativa e estética son o centro da estratexia.