Nace o Arteal Sociedade Deportiva Compostela Tenis de mesa

  • Ambas entidades asinaron un convenio de colaboración para os próximos dous anos co obxectivo de impulsarse mutuamente
  • O club mantén a súa filosofía de crecemento vinculado á cidade cunha nova sección deportiva dentro do seu proxecto

Hoxe, 6 de xullo de 2021, coa firma do convenio de colaboración entre a SD Compostela e o Arteal TM, créase en Santiago un novo club, o Arteal Sociedade Deportiva Compostela Tenis de Mesa. Este acordo, que vincula a ambas entidades para os dous próximos anos, ten por obxectivo o impulso mutuo das actividades deportivas de ambos, á vez que se mantén a filosofía do proxecto de cidade da entidade branquiazul.

Coa misión de impulsar esta especialidade deportiva en todas as categorías e idades, así como as diversas disciplinas que abarca, ambas entidades colaborarán intensamente a través dunha Comisión Mixta, integrada por dous membros de cada club, que velará polo cumprimento dos obxectivos marcados no convenio.

Neste senso, dende a SD Compostela axudarase e colaborase na organización e difusión dos eventos que levará a cabo o Arteal Sociedade Deportiva Compostela Tenis de Mesa, especialmente nun evento anual no que se impulsará a práctica deste deporte. Ademais, a través das redes sociais, buscarase conseguir un maior impulso mediático de ambos clubs, así como a creación de lazos comunicativos.

Do mesmo xeito, dentro da súa ideoloxía de cidade e do seu fomento da práctica continuada da actividade física e deportiva, así como dos seus valores positivos, a SD Compostela suma unha nova disciplina ao seu proxecto, na que xa se integra a SD Compostela Atletismo e, agora, o Arteal SD Compostela TM.

Coa firma deste acordo, a maiores, incorpórase ao club un equipo referencia a nivel nacional, á vez que se abre a porta ao establecemento de relacións con outras organizacións e institucións, especialmente deportivas, que axuden ao bo funcionamento dos clubs.

Desexándolle os maiores éxitos a este novo club, asinaron o documento Antonio Quinteiro, presidente da SD Compostela, e Jose Fernández Alborés, presidente do Arteal TM; nun acto no que tamén estiveron presentes Ramón Castro, director das Relacións Institucionais do Compos, e Pablo Lois, coordinador da base do Arteal TM.

Declaracións no acto

“A través deste acordo pretendemos que se poida ver esa unión no deporte da cidade e que poida ser recoñecido por todos os afeccionados. Trátase dunha unión de dúas modalidades, como xa fixemos anteriormente co atletismo, coa que buscamos un fortalecemento de clubs, tanto dende un punto de vista social coma deportivo”, apuntou Antonio Quinteiro.

“A unión fai a forza, por iso, cremos que este acordo nos fortalecerá, sobre todo, á hora de chegar a un público maior. Estamos moi contentos por asinar hoxe este compromiso e agardamos e desexamos que sexa unha unión que se prolongue no tempo, e que sexa frutífera para ambas partes”, recalcou, pola súa banda, Jose Fernández Alborés.