Xa arrancaron os Campus de Verán da SD Compostela

Esta pasada semana arrincaron os Campus de Verán que ten programados a SD Compostela para esta tempada estival, co obxectivo de facilitar a conciliación e de que os pequenos sigan desfrutando da actividade que máis lles gusta.

Este inicio das actividades estivais tivo lugar coa primeira semana do VI Campus de Verán, que a Fundación SD Compostela organiza no Campo das Cancelas. Sesenta cativos déronlle a benvida ás vacacións lectivas con cinco xornadas cargadas de xogos de todo tipo e exercicios no que o balón foi o protagonista. Ademais, os participantes recibiron tamén a visita de xogadores do primeiro equipo: Samu, Pablo Antas e Borja Rey.

Nesta toma de contacto, o club quere agradecer aos pais e nais que optaron por esta vía lúdica e deportiva para os cativos, así como ás empresas que fan posible a súa celebración, en especial, Segundo Rey SL, patrocinador principal. Xunto a el, empresas como Gadis, Witland, Kia Compostela Concesionario, Auga de Sousas, Lambonadas, Adidas, Fútbol Emotion, Gráficas Alonso, Concello de Santiago e a Deputación de A Coruña están aportando tamén o seu gran de area.

A partir deste luns 5 de xullo, o balón seguirá rodando nas Cancelas, coa segunda semana do Campus, pero tamén en Negreira, onde se celebra, en colaboración coa AD Nicrariense, a primeira semana do Campus Compos.

Próximos Campus

Con xa dous en marcha, aínda está aberto o prazo de inscrición para os restantes Campus que quedan por celebrar: o I Campus Compos de Padrón, xunto ao Stellae FS (do 19 ao 23 e do 16 ao 30 de xullo no Campo da Baiuca e no Pavillón Grupo Escolar); o Segundo Campus Compos de Melide, en colaboración co CF CIRE Melide (do 19 ao 23 e do 16 ao 30 de xullo no Campo Municipal); e o II Campus Compostec, da Escola de Tecnificación da SD Compostela (do 12 ao 16 de xullo nas Cancelas).

O prazo de inscrición está aberto a través do formulario que está dispoñible na web da SD Compostela (www.sdcompostela.com). Os interesados tamén poden recibir máis información no mail coordinadorbase@sdcompostela.com ou no teléfono 626 06 37 05 (Manu Otero).