Remate da tempada con presenza no Campionato Galego Absoluto e Nacional Sub16

A SD Compostela Atletismo pecha a tempada esta fin de semana ao grande. Tres dos nosos atletas participarán no Campionato de Galicia Absoluto ao Aire Libre e outro, Yago Iglesias, no Campionato de España sub16.

O evento autonómico terá lugar o domingo nas pistas de Vigo, onde contaremos coa representación do gran fondista Nuno Costa, nos 5.000 metros; de Amador Pena, nos 800 metros; e de Damián Espasandín, nos 400 metros. Precisamente, estes dous últimos, chegan ao evento absoluto, logo de conseguir o ouro no Campionato Galego Máster, en maio, e participar, por vez primeira, no Campionato de España Máster, en xuño.

Pola súa banda, a nivel nacional, Yago Iglesias nunha tempada de récord para el, na que mellorou as súas mellores marcas en infinidade de ocasión, acadou unha brillante clasificación para o que será o seu primeiro Campionato de España Sub16, o cal se celebrará en Lleida mañá e pasado. O corredor compostelanista participará na proba de 1.000 metros, á que chega en gran forma, logo de acadar hai dúas semanas o campionato galego sub16 de 3.000 metros.

Moitos parabéns aos catro pola clasificación, a mellor das sortes para a competición e a desfrutar da experiencia.