Etiquetas de Mautic

Triunfos do Xuvenil B, EF San Lázaro e Infantil B nunha longa xornada na base

Os canteiráns adestrados por Pablo Antas chegan con opcións de acabar primeiros á última xornada

Longa xornada de fútbol na base da SD Compostela, repleta de encontros baixo un intenso sol, un fermoso tempo que marcou a fin de semana na capital galega. Baixo estas condicións, destacaron os triunfos do Xuvenil B, que chega con opcións de loitar polo primeiro posto á última xornada, do EF San Lázaro e do Infantil B, que segue coa súa andaina de menos a máis na competición.

Xuvenís

O Xuvenil B volveu á senda da vitoria na súa visita ao CSD Arzúa, ao que superou por 0-5. Os canteiráns adestrados por Pablo Antas sumaron tres puntos que lle permiten seguir metendo presión ao líder.

No encontro disputado no Viso, os nosos venceron con claridade grazas ao dobrete de Hugo Matos e os tantos de Álex Suárez, Roi Rama e Iker Carril.

Agora, empatados a puntos no liderado, sumar un punto máis que o Amio na última xornada, para acabar no primeiro posto, o cal da dereito ás eliminatorias de ascenso á Liga Galega.

Pola súa banda, o EF San Lázaro superou por 5-0 ao CF Noia B e sumou a súa segunda vitoria da Liga.

O filial xuvenil sumou os tres puntos mercé ao dobrete de Mateo Ronzoni e aos goles de Rubén Nieto, Xian Domínguez e Logan Tobar.

Cadetes

O Cadete A, tras rematar a liga, arrincou esta fin de semana unha minifase, con tan só tres equipos, denominada Torneo de Clausura, unha liguiña curta para pechar esta tempada atípica. Os nosos debutaron contra a UD Santa Mariña caendo pola mínima, 1-0, en terras viguesas. Na segunda cita, descansarán e pecharán o ano co encontro na casa contra o Victoria CF.

O Cadete B descansou e segue de terceiro no subgrupo, mentres que o Cadete C perdeu por 3-1 contra o líder e campión matemático do seu grupo, o Atlético Fátima. A pesar do tanto inicial de Manuel Aboal, os nosos víronse remontados polo equipo santiagués.

Infantís

O Infantil A non puido pasar do empate contra o Amio SD, 1-1, polo que, a falta dunha xornada, rematará a Liga no segundo posto. Os nosos precisaban superar o 4-0 da ida para poder colocarse no liderado, pero non foron quen de superar aos amienses. A pesar do gol de Dani Noya, á media hora de xoga, os locais empataron nos derradeiros minutos de encontro. Con este resultado, o Amio proclamouse campión do subgrupo e pelexará polo ascenso á Liga Galega.
Mentres tanto, o Infantil B, na súa progresión no campionato de menos a máis, acadou unha clara vitoria por 6-2 contra o Villestro B, equipo ao que superou na táboa. Os branquiazuis conseguiron así o terceiro triunfo do curso, nun gran encontro no que Alberto Vidal marcou catro goles e Thiago Pereiro e Mauro Andión, os outros dous.

Fútbol 8

En alevíns, o Alevín Pato Guillén superou ao Victoria FC B e marcha terceiro na clasificación. O Alevín David Soto, descansou. E o Alevín Brais Abelenda volveu a vencer, neste caso, contra o CD Conxo Santiago D, para seguir no segundo posto.

En benxamíns, o Benxamín Sergio Pereira perdeu ante o CD Conxo Santiago B, pero asegurou o primeiro posto do subgrupo, o cal lle permitirá disputar unha fase de campións. Pola súa banda, o Benxamín Jimmy e Saro venceu pola mínima ao Atlético Fátima B, nun gran encontro de base.

E en prebenxamíns, o Prebenxamín Bicho caeu contra o Villestro SD, mentres que o Prebenxamín Baleato gañoulle ao Victoria FC B.

Fútbol Sala

O Biberón Álvaro Casas descansou esta xornada.