Sexta edición do Campus de Verán da SD Compostela en As Cancelas

  • Celebrarase do 28 de xuño ao 2 de xullo e do 5 ao 9 de xullo, en horario matinal
  • A inscrición está dispoñible a través do formulario web

Xa está aquí a sexta edición do Campus de Verán da SD Compostela, organizado pola Fundación SD Compostela. O Campo Municipal de As Cancelas acollerá, do 28 de xuño ao 2 de xullo e do 5 ao 9 de xullo, a principal actividade estival da SD Compostela, destinada a nenos e nenas de 5 a 18 anos.

En horario matinal, de 9.00 a 14.00 horas (con posibilidade de madrugadores ás 8.30 horas), o Campus ofrecerá aos participantes unha oportunidade de desfrutar do fútbol nun ambiente lúdico e seguro.

Deste xeito, á vez que se traballará para a mellora técnica e táctica dos pequenos, en grupos reducidos, tamén se primará o desenvolvemento social dos participantes, con momentos de convivencia, transmitindo os valores positivos e bos modos que engloba a práctica deportiva.

Ademais, cumpriranse todos os protocolos e medidas marcadas polas autoridades sanitarias, no marco actual de pandemia da covid-19. Así mesmo, os inscritos terán un seguro de accidentes que responderá ante calquera problema que puidese xurdir.

Os exercicios e actividades no campo estarán impartidos por monitores profesionais, entre os que se atoparán técnicos da base do club, inclusive un preparador de porteiros, que farán máis amena a semana para os pequenos, agrupándoos por idades e niveis.

A maiores, por participar, os inscritos recibirán, un pantalón e camiseta conmemorativas do Campus ao comezo da semana, para que poidan empregalas nas distintas xornadas. A iso, como todos os anos, sumaranse as visitas de distintas personalidades do mundo do fútbol, como xogadores, adestradores, directivos, árbitros ou empresarios.

“O obxectivo principal do Campus é axudar ás familias na conciliación, tanto as do club como o resto das familias compostelás. Ademais, como outras metas, tamén están o expor retos que poden aparecer en calquera lance do xogo para que os pequenos os poidan resolver, a transmisión de valores que axuden no desenrolo do neno ou nena na súa contorna cotiá, aprender a relacionarse e establecer novas amizades, mellorar en valores como o respecto aos demais e ao material, aprender e compartir vivencias coas visitas de profesionais, ensinar e inculcar bos hábitos hixiénicos e alimentarios e
desenvolver ese espírito de solidariedade e igualdade a través da práctica deportiva”, destaca Víctor Pazos, coordinador da base da SD Compostela.

Os prezos, por semana, varían en función das distintas modalidades previstas. Así, a tarifa xeral será de 140€; para abonados ou fillos de abonados, 125€; para os xogadores da base do Compos e dos clubs conveniados (AD Nicrariense, Milladoiro SD, SD Escravitude, UD Bastavales, Praíña SPC e Victoria FC), 90€; e para irmáns de inscritos, 70€.

O prazo de inscrición está xa aberto e os interesados poderán recibir máis información:

  • mail coordinadorbase@sdcompostela.com
  • teléfono 652 07 52 76.

A inscrición pode realizarse na seguinte ligazón ou nas Oficinas do Club (luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 ás 20.00 horas).

O club tamén quere agradecer o compromiso e axuda das empresas que fan posible unha nova edición deste Campus, en especial, a Segundo Rey SL, o seu patrocinador oficial. Xunto a el, Gadis, Witland, Kia Compostela Concesionario, Sousas, Lambonadas, Adidas, Fútbol Emotion, Lois Cervecería, Gráficas Alonso, Concello de Santiago e a Deputación da Coruña fan posible a celebración desta gran actividade.

Formulario de inscrición na seguinte ligazón:
http://bit.ly/VICampusVeránCompos