Rematan as ligas locais de Fútbol-11 con dobrete en infatís

Nunha nova fin de semana marcada polas altas temperaturas, os equipos de Fútbol-11 da SD Compostela que compiten en ligas locais pecharon unha tempada atípica, marcada pola pandemia da covid-19. Na despedida da tempada, destacou o dobrete en infantís e o triunfo dun Xuvenil B que quedou a un punto de loitar polo ascenso.

Xuvenís

O Xuvenil B acadou unha ampla vitoria, 7-0, contra o EF Lalín B, tres puntos que, porén, non lle permitiu escalar ao primeiro posto, xa que o Amio tamén gañou na súa visita a Silleda. Deste modo, pola diferenza de goles, os amienses loitarán polo ascenso á Liga Galega. No derradeiro encontro, Hugo Matos asinou un hat trick, Roi Rama un dobrete e Álex Suárez e Sergio Mártinez os restantes goles.

Pola súa banda, o EF San Lázaro caeu pola mínima, 2-1, ante o Bertamiráns B, líder do seu subgrupo.

Nesta despedida da competición, Manuel Alejandro Vázquez anotou o tanto branquiazul.

Cadetes

O Cadete A descansou esta fin de semana, á espera de xogar a última xornada do Torneo de Clausura D da División de Honra.

O Cadete B, mentres tanto, perdeu 2-1 contra o Victoria FC, nun gran duelo entre dous equipazos.

Rubén Sande, nos últimos minutos, marcou o gol branquiazul. Os nosos remataron a liga no terceiro posto do subgrupo.
Por último, o Cadete C perdeu 1-2 contra o Amio B e acabou no quinto posto da táboa. Mateo Barros foi o autor do gol compostelanista.

Infantís

No dobrete da categoría, o Infantil A cerrou unha gran liga cunha vitoria por 5-1 contra o Bertamiráns B, certificando o segundo posto na táboa. No último encontro, os branquiazuis levaron os tres puntos co hat trick de Dani Noya e os goles de Hugo Nebra e Dani Ouro.

Pola súa banda, o Infantil B superou por 2-3 ao ED Xuventude Oroso C, para pechar unha liga na que foi de menos a máis e na que rematou no cuarto posto. Mercé ao dobrete de Alberto Vidal e ao tanto de Xian Prado, acadaron un novo triunfo.

Fútbol-8

Na penúltima xornada da competición, en alevín, o Alevín Pato Guillén empatou contra o Burgo das Nacións nun duelo vibrante; o Alevín David Soto perdeu contra o líder, o SD Villestro C; e o Alevín Brais Abelenda empatou na súa visita ao Escola Estrada C.

En benxamíns, o Benxamín Sergio Pereira, que xogará a segunda fase de campións, descansou esta fin de semana, mentres que o Benxamín Jimmy e Saro caeu contra o CD Conxo C.

E en prebenxamíns, derrota do Prebenxamín Bicho contra o Victoria FC e triunfo do Prebenxamín Baleato contra o CD Conxo B.
Fútbol Sala.Por último, o Biberón Álvaro Casas perdeu contra o Bertamiráns FC, nunha gran experiencia polas terras de Ames para os nosos pequenos.