II Campus Compostec do 12 ao 16 de xullo en As Cancelas

  • Organizado pola Fundación SD Compostela, está destinado a nenos e nenas de 6 a 16 anos
  • O formulario de inscrición atópase na web do Compos e nesta noticia

A Fundación SD Compostela organiza do 12 ao 16 de xullo o II Campus Compostec no Campo Municipal de As Cancelas. En horario matinal, de 9.00 a 14.00 horas (con servizo de madrugadores), a actividade está destinada a nenos e nenas de 6 a 16 anos, incluíndo adestramento específico para os porteiros.

Con prazas limitadas, o prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro mércores 7 de xullo, ou ata completar o aforo permitido. Para inscribirse, os interesados poden facelo a través do formulario que se atopa na páxina de inicio da web do club (www.sdcompostela.com), así como na ligazón que aparece ao final desta noticia. Para máis información, habilítase o teléfono 636 71 53 01 (Iván Carril) e o correo electrónico coordinadorbase@sdcompostela.com.

A cota de participación para a semana de adestramentos en As Cancelas varía en función das distintas modalidades: 160€, prezo xeral; 110€, xogadores da base do Compos, dos clubs conveniados (Victoria FC, UD Bastavales, Milladoiro SD, Praíña SPC, SD Escravitude e AD Nicrariense) e da Compostec; 145€, abonados ou fillos de abonados; 90€, irmáns ou irmás de inscritos.

No desenvolvemento do Campus, os pequenos traballarán na mellora técnica e táctica, seguindo as pautas dos adestradores, que contan co Nivel 2 e 3 e que son graduados en INEF, para preparar as tarefas, incluído un adestrador de porteiros.

A través desta experiencia estival, darase visibilidade ao traballo realizado ao longo do ano na Escola de Tecnificación da SD Compostela, a cal está orientada á mellora individual técnica e táctica dos pequenos futbolistas, aínda que incidindo tamén nos aspectos e capacidades individuais.

Co obxectivo de mellorar nas habilidades de cada un, desenvolverse como xogador e desfrutar practicando o deporte que máis lles gusta, os participantes traballarán en grupos reducidos, adaptados por idades e niveis.

Para levar a cabo esta segunda edición do Campus Compostec, o club tamén quere agradecer a colaboración e apoio das empresas que axudaron a sacar adiante esta nova actividade de verán. En especial, merece unha mención Vatop (Centro de Valorización Ambiental de Touro – O Pino), patrocinador principal do Campus e da Compostec. Así mesmo, tamén cabe sinalar a axuda de Gadis, Kia Compostela Concesionario, Segundo Rey, Augas de Sousas, Gráficas Alonso, Witland, Concello de Santiago e Deputación da Coruña.