Fin de tempada para as competicións de Fútbol-8

  • O Alevín Brais Abelenda e o Benxamín Sergio Pereira gañaron os seus subgrupos
  • O equipo benxamín disputará esta fin de semana unha Fase de Campións

Logo dun ano atípico, marcado pola covid-19, o Cadete A e os equipos de Fútbol-8 remataron as súas respectivas competicións esta fin de semana. Nunha tempada que se caracterizou pola división das ligas en subgrupos, dous dos nosos, o Alevín Brais Abelenda e o Benxamín Sergio Pereira, acabaron a campaña no primeiro posto. Precisamente, estes últimos disputarán unha Fase de Campións cos restantes primeiros clasificados.

Cadete

O Cadete A de División de Honra, logo dunha tempada complicada pola covid-19, pechou o seu debut na máxima categoría cun empate, 2-2, contra o Victoria CF coruñés. Os branquiazuis culminaron a Fase de Clausura cunha igualada nun gran encontro, no que conseguiron remontar o tanto inicial dos visitantes, pero no que viron como lle marcaban o empate nos últimos instantes. Os autores dos tantos compostelanistas foron Leo González e Manuel Galego.

Logo desta gran experiencia, que lles serviu como toma de contacto, os nosos volverán a competir o vindeiro ano na División de Honra, nun formato de competición habitual, no que buscarán seguir medrando individualmente e como equipo.

Fútbol-8

En alevíns, o Alevín Pato Guillén rematou a liga cun empate contra o Vista Alegre, nun encontro moi igualado e de gran nivel. Os nosos canteiráns acabaron no terceiro posto do seu subgrupo.

O Alevín David Soto, na derradeira xornada, sumou a segunda vitoria da tempada tras superar pola mínima ao SD Cacheiras B.
Mentres tanto, o Alevín Brais Abelenda pechou unha gran campaña na Terceira Galicia cun novo triunfo, esta vez ante o EF Lalín B, tres puntos que lle permitiron superar ao Bertamiráns C e gañar o seu subgrupo.

En benxamíns, o Benxamín Sergio Pereira sumou na última xornada unha nova vitoria, un triunfo que lle permitiu pechar o subgrupo da mellor maneira posible. Co primeiro posto xa certificado en semanas anteriores, esta fin de semana xogará unha Segunda Fase de Campións cos restantes gañadores dos seus subgrupos.

Pola súa banda, o Benxamín Jimmy e Saro, logo dunha gran tempada, perdeu no último encontro contra o líder, o ED Xuventude Oroso C, rematando no terceiro posto do subgrupo.

Por último, o Prebenxamín Bicho acabou o curso cunha derrota ante o Conxo Santiago, mentres que o Prebenxamín Baleato gañou o seu último encontro, ante o SD Villestro B, e acabou a liga nunha gran segunda posición do subgrupo.

Fútbol Sala

O Biberón Álvaro Casas acabou unha tempada chea de experiencias para os cativos, nas que se adaptaron perfectamente as restricións marcadas para paliar a pandemia da covid-19, cun último encontro ante o ED Xuventude Oroso, que gañaron os de Sigüeiro.

Campus

Unha vez rematen todas as competicións, e co obxectivo de facilitar a conciliación familiar, a SD Compostela, da man da súa Fundación, ten programada a celebración do I Campus Compos de Negreira, en colaboración coa AD Nicrariense, e de Padrón, xunto ao Stellae FS; así como a sexta edición do VI Campus de Verán, que se levará a cabo do 28 de xuño ao 2 de xullo e do 5 ao 9 de xullo no Campo Municipal das Cancelas.