Crónica Fin de Semana Clínica Baltar Obradoiro (Preinfantil)

Vitoria do Clínica Baltar Obradoiro ante o Sigaltec para pechar a Liga antes de encarar a Fase Final (99-57)

O Clínica Baltar Obradoiro disputou o encontro correspondente á última xornada da Liga Regular da categoría preinfantil masculina.

O partido comezou cun Obra que lle custaba arrancar, sobre todo debido á regular defensa, chegando tarde con respecto aos seus rivais, o que facilitou canastras fáciles aos visitantes, que viron como conseguían aguantar no partido pese a estar moi desacertados. En ataque, os obradoiristas estaban máis acertados, o que facía que foran gañando. O parcial foi de 19 – 7.

O segundo período seguiu coa mesma dinámica, pero agora os de Vilagarcía xa estaban máis acertados e fixeron moito dano aproveitándose das facilidades defensivas duns xogadores obradoiristas que seguían frouxos en defensa. En ataque si conseguían anotar para así poder seguir por riba no electrónico. O parcial foi de 19 – 17.

Á volta do descanso pareceu haber un cambio de chip nos xogadores do Clínica Baltar Obradoiro. Agora si había unha maior actividade defensiva, cunha presión moito máis efectiva, saltando a 2×1 defensivos e sumado a moitos máis contraataques e un maior ataque en estático con máis movemento e máis cortes á canastra. Sigaltec pola súa parte seguiu con bo acertado, pero agora xa non anotaban con tanta facilidade. O parcial rematou 31 – 20.

O derradeiro período seguiu coa dinámica do anterior. Un Obradoiro moito máis metido no encontro, tanto en ataque como en defensa, fixo que a diferenza seguira medrando, xa que os visitantes baixaron o seu acerto, feito favorecido pola intensa defensa obradoirista, que seguía anotando con ataques rápidos. O parcial foi de 30 – 13, e o partido remataría cun 99 – 57 no electrónico.