Cadete Fase Final: Oca Hotels Obradoiro

Cara e cruz para o Oca Hotels Obradoiro na fase final Cadete 2a División

O Oca Hotels Obradoiro disputou esta fin de semana na Estrada a fase final Cadete 2a División, na que conseguiu unha vitoria en cuartos ante o Blanco Amor (71-66) e unha derrota ante o campión CLB de Vilagarcía (55-78).

O partido matinal enfrontou ao Campión de Ourense co Campión da Liga de Santiago e, a pesar de que se quería decantar a favor dos ourensáns en máis de unha ocasión, os obradoiristas fixeron un exercicio de supervivencia pelexando cada balón.

O primeiro cuarto foi moi igualado, con refachos para os dous equipos, e no que os ataques se mostraban efectivos, chegándose ao final deste primeiro período cun 19-16.

No segundo cuarto os ourensáns optaron por unha defensa en zona que afogou as ideas do OCA Hotels Obradoiro ao faltar o acerto exterior. Así, os visitantes comezaron a impoñer o seu ritmo de xogo e as súas individualidades en ataque, chegando ao descanso cun 26-36 a favor dos ourensáns.

O paso polos vestiarios sentou ben aos composteláns, que comezaron a mover mellor o balón ante a zona e atoparon tiros debaixo de canastra, achegándose no marcador ata o 48-50.

O derradeiro cuarto comezou con máxima igualdade e continuas alternativas no electrónico ata que, a falta de 01:50, os composteláns decantaron o choque tras dúas triplas consecutivas e mantendo a vantaxe da man dos tiros libres. Así,
fíxose coa vitoria en cuartos ante o Blanco Amor por 71 a 66.

Parciais: 19-16, 7-20, 22-14 e 23-16.

Anotaron: Román A. (6), Jacobo (3), Román P. (3), David, Fernando N. (9), Alex (5), Pepe, Gonzalo, Xoan (19), Fernando V. (8), Juanjo (12) e Leo (6).No segundo partido do día, os vilagarciáns impuxeron a súa superioridade física e táctica a pesa da loita constante do OCA Hotels Obradoiro.

O encontro comezou cunha fortísima presión por parte dos visitantes, que trataban de impoñer a súa forza na defensa. Aos obradoiristas costoulles entender a defensa imposta, que fixo que tiveran varias perdas para abrir unha
pequena brecha no marcador (13-21).

No segundo cuarto, os composteláns entenderon mellor como atacar a defensa rival, pero non podían coa superioridade no rebote dos rapaces do CLB. A pesar disto, os obradoiristas impuxéronse no parcial do cuarto por 1 punto, chegando
ao descanso 33 a 40.

Tras o paso por vestiarios, os visitantes apertaron aínda máis en defensa e as forzas dos obradoiristas comezaron a fraquear. Un par de perdas provocaron a ruptura total no marcador e o desacerto ofensivo fixo que o encontro se
sentenciara neste cuarto, deixando un marcador de 39 a 68.

A pesar disto, no derradeiro cuarto os rapaces do OCA Hotels Obradoiro sacaron todas as súas forzas para competir ata o último alento, levándose este período por 16-10, deixando un resultado final de 55 a 78 sendo o CLB o merecido campión.
Parciais: 13-21, 20-19, 6-28 e 16-10.

Anotaron: Román A. (2), Jacobo (11), Román P., David (6), Fernando N. (6), Alex (2), Pepe, Gonzalo, Xoan (8), Fernando V. (5), Juanjo (5) y Leo (10).

Preinfantil

Clínica Baltar Obradoiro Vitoria do Clínica Baltar na volta á competición despois de dúas semanas de descanso (34-85)

O Clínica Baltar Obradoiro visitou a pista do Sigaltec esta fin de semana para disputar a penúltima xornada da competición.

O encontro comezou decantándose claramente para os obradoiristas, que levaban máis ritmo e intensidade ca os locais. Unha boa defensa, acompañada duns ataques onde ocupaban moi espazos, deixando sempre a zona libre para que houbera sitio para poder xogar uns por un, fixo que o Obra collera unha vantaxe moi grande dende o comezo do partido. Entre o desacerto duns e o acerto doutros, o primeiro parcial rematou 7 – 30.

O segundo cuarto mudou un pouco a dinámica xa que o Clínica Baltar, froito da calor e o cansazo, comezou a ocupar peor os espazos en ataque e xa descoidaban un pouco a defensa no balance. Pese a isto, a diferenza física entre os dous equipos era tan grande que o Obradoiro seguiu anotando e dominando os rebotes. O parcial do período foi de 12 – 24.

Na segunda metade o Obra mellorou de novo un pouco o seu xogo, sobre todo en ataque, xa que volveron de novo a ocupar mellor os espazos e a moverse algo máis cando non tiñan o balón nas mans. En defensa tamén se mellorou o balance, pero neste período estiveron moi acertados os locais no tiro exterior, polo que conseguiron anotar máis puntos pese a que os santiagueses estiveran mellor agora que no período anterior. O parcial foi de 13 – 23.

No derradeiro período, aos dou minutos de ter este comezado, pechouse o marcador ao chegar o Clínica Baltar Obradoiro a unha diferenza de 50 puntos ao seu favor. A partir de aquí o partido seguiu cunha dinámica que non mudou en exceso: o Obra seguiu correcto en defensa e en ataque anotaban con facilidade. O partido rematou 34 – 85.