‘The Speed Faros Project’, 200 quilómetros correndo polo camiño dos faros da costa da morte

  • A SD Compostela Atletismo comezará este duro reto por relevos na noite do venres ao sábado ás 00.00 horas
  • Tentarán ser o primeiro equipo capaz de completar este ultratrail que vai dende Malpica ata Fisterra
  • Participarán Jose Sandá, Manuel Castiñeiras, Damián Espasandín, Amador Pena e Jordi Carrasco

Cinco atletas da SD Compostela Atletismo tentarán esta fin de semana converterse no primeiro equipo capaz de completar o ultratrail do Camiño dos Faros (na Costa da Morte), un duro reto de 200 quilómetros que nace emulando a carreira “The Speed Project”, proba de relevos que vai dende Los Ángeles ata Las Vegas.

The Speed Faros Project

www.sdcompostelaatletismo.com/tsfarosproject

E a denominación da versión Galega que se disputará pola fermosa ruta do Camiño dos Faros, entre as localidades de Malpica e Fisterra. Os corredores branquiazuis terán que facer un total aproximado de 40 quilómetros cada un, cunha estratexia propia para tentar de chegar o antes posible.

A ruta discorrerá, en ocasións, por zonas abruptas, onde tentar correr pode ser tan imposible coma perigoso, e cruzará rías, praias, bosques, sendeiros con acantilados, paraxes insólitas, dunas, marismas, toxos, fieitos e silveiras, así como subidas e baixadas imposibles, pero sempre rodeados dunha impresionante paisaxe que fará desta aventura algo inesquecible para os participantes.

A distancia a percorrer obriga a que unha parte da proba teña que ser disputada en plena noite, o que engade máis dureza a unha ruta que non é apta para corredores sen ganas de pasar por momentos realmente duros.Os elixidos pola SD Compostela Atletismo para este apaixonante reto son:

  • Jose Sandá, campión Galego Máster de 800 metros, quen será da partida logo de quedar seducido polo Camiño dos Faros cando o fixo como ruta de sendeirismo. Será o encargado de abrir este reto no paseo marítimo de Malpica.
  • Manuel Castiñeiras, ex-futbolista profesional que xa ten participado en diversas probas de Trail.
  • Damián Espasandín, o mellor coñecedor da zona, atleta da vila de Vimianzo que xa fixo esta ruta de xeito íntegro en máis dunha ocasión, garantía de éxito.
  • Amador Pena, outro bo coñecedor da zona, quen xa gañou o circuíto de carreiras da Costa da Morte en varias ocasións, ademais de ser campión Galego de Trail e contar con gran experiencia en probas de menos distancia.
  • Jordi Carrasco, quen ven de facer a súa mellor marca persoal en Media Maratón e quen xa pensa nos 42 quilómetros de asfalto, polo que terá nesta proba un gran reto para demostrar que ten gran capacidade na longa distancia.

Os cinco corredores estarán en todo momento apoiados, e mesmo acompañados, por outros tantos atletas do equipo, que os recollerán ao rematar os seus tramos para levalos ao seguinte, así como tamén acompañalos durante certos momentos polo percorrido.

Os participantes terán que levar en todo momento un sistema de medición por GPS para que, unha vez finalizada a ruta, se poida comprobar que foi seguida na súa totalidade polo percorrido orixinal, dando así constancia e deixando rexistrado de xeito oficial o tempo acadado nos pouco máis de 200 quilómetros que separan Malpica do Faro de Fisterra.

A evolución da proba poderase seguir a través das redes sociais da SD Compostela Atletismo.