Paula Fernández, subcampioa galega dos 1.000 obstáculos

A SD Compostela brillou esta pasada fin de semana con dous dos seus atletas. Por un lado, Paula Fernández acadou unha sensacional prata, mentres que Yago Iglesias segue mellorándose día tras día.

Neste senso, as mellores novas chegaron co subcampionato de Galicia de 1.000 metros obstáculos de Paula Fernández, logo de marcar un tempo de 3’39”. Os obstáculos sempre foron considerados das probas máis vistosas dentro do atletismo, xa que esixen distintas capacidades e unha boa preparación, e cando os medios necesarios non son posibles, hai que inventalos. Por iso, toca seguir desfrutando mentres se segue aprendendo.

Pola súa banda, o prometedor Yago Iglesias mellorou, por oitava carreira consecutiva, a súa mellor marca persoal dos 600 metros. Desta vez logrouna na pista da Fieiteira, en Ribeira, deixándoa en 1:31’64”.

Ademais, parte dos atletas do equipo estiveron adestrando pola Costa da Morte.