O Xuvenil A ascende a División de Honra

O triunfo contra o Coruxo sellou unha tempada perfecta para os nosos
No resto da xornada, primeiro triunfo do Cadete A e gran vitoria do Xuvenil B

Á primeira, foi a vencida. O Xuvenil A da SD Compostela acadou o ascenso a División de Honra na primeira oportunidade, un salto á máxima categoría do fútbol xuvenil que acadou con dúas xornadas de marxe, logo dunha gran tempada. Para pechalo, como non, os nosos fixeron un novo magnífico partido, superando ao Coruxo, o seu perseguidor, por 2-0, nun encontro no que foron os claros dominadores do xogo.

Cunha grada de Santa Isabel chegando ao aforo máximo, os canteiráns branquiazuis brindáronlle aos seus familiares e a afección un novo partido de moi alto nivel, un duelo de moita calidade que se levaron cos tantos, na segunda metade, de Toño e Yago. Co asubío final, chegou o momento da festa e de celebrar a fazaña acadada, devolvendo á SD Compostela á División de Honra logo de dezasete anos.

Nesa celebración, o adestrador José Miguéns “Rati”, valoraba o conseguido. “Para o equipo é unha felicidade moi grande, son rapaces que están crecendo moito a nivel futbolístico e algúns mesmo acabarán o terceiro o ano con División de Honra, o cal é unha marabilla. E os de primeiro e segundo ano, poderán vivilo a próxima tempada, o cal lle permitirá moverse moito máis e enfrontarse a rivais de máis calidade. A nivel persoal, un ascenso sempre supón unha felicidade”, comentou.

Ademais, loou o traballo realizado tanto polos xogadores, como polo corpo técnico, o coordinador Víctor Pazos e o propio club. “Hai que felicitar ao club e ao coordinador, porque se moveron moito e previron toda esta tempada, collendo xogadores acorde ao que nós buscábamos. Tamén quero felicitar ao corpo técnico, porque sempre me axuda en todo, sopesando moito as ideas a nivel colectivo, dende Dani, o adestrador de porteiro, Dani Gesto, Antelo, Richi…polo que téñoo moi fácil para poder ascender”, destacou.

Agora, nestas dúas xornadas que quedan, tocará desfrutar. “Isto é unha tranquilidade. Fixemos un gran traballo durante todo o ano, fomos previsores, estando moi motivados para acadar o ascenso canto antes, de feito, nesta fase acadamos tres vitorias de tres partidos, cada un deles con maior intensidade. Sabíamos queríamos ir a desfrutar á Madroa e despois aquí na casa no último partido”, sinalou.

Por último, tamén tivo grandes palabras para Andrés, lesionado de gravidade no último encontro. “Ten mala sorte, pero é un xogadorazo, e como é un bo xogador non lle vai a sobrar que o Compos o apoie e vaia cara adiante. É un xogador moi grande, que non ten nada que demostrar. Esta lesión, a verdade, nunca se dixire ben, pero que non se preocupe, porque a pesar de acabar xuvenís, é un xogador que ten moito futuro coma futbolista”, remarcou.

Esta gran festa para a base do Compos completouse o domingo co debut de Manu Rivas co primeiro equipo, así como unha nova participación de Axel Lim en Segunda B.

Xuvenís

No resto da xornada para a nosa base, destacou o triunfo do Xuvenil B, adestrado por Pablo Antas, por 4-1 contra o CSD Arzúa. Os nosos seguen no máis alto da clasificación, empatados co Amio, pero distancian a un rival directo con estes tres puntos. No duelo disputado en Santa Isabel, a balanzadecantouse na última media hora. Abriu o marcador Álex Suárez, cun golazo dende case o centro do campo, ampliou a vantaxe Hugo Matos, pasado o minuto 70, e pechou a goleada, nos últimos minutos, Roi Rama cun dobrete.

Cadetes

En División de Honra, o Cadete A acadou os seus primeiros tres puntos tras superar ao Pontevedra por 1-3, nun encontro con protagonismo para Hugo Alvarellos, quen asinou un hat trick. Anotou os dous primeiros na primeira metade e pechou o partido, a quince minutos para o final, dende o punto de penalti.

Pola súa banda, o Cadete B descansou, pero segue líder, nunha fin de semana na que xogou un amigable contra o Vedra que se levou por 2-12. Mentres, o Cadete C caeu por 1-3 contra o Atlético Fátima. Brais Rodríguez anotou o tanto dos nosos.

Infantís

O Infantil A, encadrado nun grupo con catro equipos, descansou esta xornada, ao non ter competición no seu subgrupo. Pola súa banda, o Infantil B caeu con claridade contra o Villestro B, 9-0.

Fútbol 8

En fútbol 8, dobre triunfo en alevíns. O Alevín-Pato Guillén superou ao Victoria B e marcha segundo no seu subgrupo, mentres que o Alevín-Brais Abelenda conseguiu o seu segundo triunfo, esta vez ante o Conxo D, e está situado de primeiro.
En benxamíns, tamén houbo dobrete, con triunfos para o Benxamín-Sergio Pereira, contra o Conxo B, e do Benxamín-Jimmy e Saro, ante o Atlético Fátima.

Por último, o Prebenxamín-Bicho perdeu contra o Villestro e o Prebenxamín-Baleato gañoulle ao Victoria B.