O Xuvenil B volveu a sumar de tres e segue no liderado
Nunha fin de semana cargada de experiencias para os cativos da SD Compostela, destacaron, en fútbol 11, os triunfos do Cadete B e Infantil A, que regresaron á senda triunfal, e do Xuvenil B, que segue no máis alto da clasificación.
Xuvenís
O Xuvenil B segue acadando vitorias no seu subgrupo e xa suma 19 puntos. Os canteiráns branquiazuis superaron por 1-2 ao Villestro e manteñen tres unidades de vantaxe sobre o seu perseguidor, o Amio, contra o que se enfrontarán a vindeira semana.
No encontro desta fin de semana, os nosos volveron a ter que remontar, como na primeira volta, contra un rival que lles puxo as cousas moi complicadas. O cadro santiagués adiantouse no marcador pasada a media hora, un tanto ao que reaccionou ben o Compos, xa que aos dous minutos igualaban por mediación de Hugo Matos, dende o punto de penalti. Xa no segundo acto, de novo dende os once metros, Álex Suárez pechaba a vitoria compostelanista.
Pola súa banda, o Escola de Fútbol San Lázaro perdeu pola mínima, 0-1, contra o Bertamiráns B, nun duelo no que decidiu o tanto aos 28 minutos dos visitantes.
Cadetes
O Cadete A perdeu pola mínima, 3-2, na súa visita ao AJ Lérez. Os nosos non foron quen de repetir o éxito en terras pontevedresas, nun duelo no que se adiantaron no marcador co tanto de penalti de Hugo Alvarellos. Trala remontada local, Adan González asinou o segundo gol branquiazul.
O Cadete B volveu á senda da vitoria e colocouse de novo no máis alto da clasificación, malia que cun partido máis que o seu inmediato perseguidor, o ED Xuventude Oroso B, ao cal se medirá a vindeira fin de semana. Desta vez, nun gran partido coral, os compostelanistas superaron por 0-2 ao Villestro, nun encontro decidido polos tantos de Lucas Dagnac, na primeira metade, e de Edgar González, na segunda.
Mentres tanto, o Cadete C caeu por 3-1 contra o Vista Alegre, na tarde do domingo, pero segue na terceira praza do subgrupo. Brais López asinou o único tanto compostelanista.
Infantís
Na terceira xornada de liga, o Infantil A regresou á senda triunfal, superando por 1-2 ao Bertamiráns B, nun auténtico partidazo. Un dobrete de Daniel Ouro, no 36 e 39, permitiulle ao Compos sumar unha vitoria de moito nivel e subir ao segundo chanzo clasificatorio.
O Infantil B estivo a rentes de conseguir un resultado positivo, tamén contra un Bertamiráns, no seu caso, o C. Contra o líder do seu subgrupo, os nosos caeron por 1-2, sendo Alejandro Prado o autor do tanto branquiazul.
Fútbol-8
En alevíns, o Alevín Pato Guillén caeu ante o ED Xuventude Oroso B, líder do seu grupo, e o Alevín David Soto contra o Bertamiráns D. Pola súa banda, o Alevín Brais Abelenda, descansou.En benxamíns, o Benxamín Sergio Pereira superou ao SD Villestro B e segue no liderado do seu subgrupo, mentres que o Benxamín Jimmy e Saro gañou contra o Victoria C e marcha de segundo.
E en prebenxamíns, nunha gran experiencia contra o ED Xuventude Oroso, o Prebenxamín Bicho caeu contra o A, mentres que o Prebenxamín Baleato gañou ante o B.
Fútbol Sala
Por último, o Biberón Álvaro Casas empatou contra o Victoria FC Los Rayos, nun partido disputado no Pavillón Lamas de Abade.