Nova xornada na base con dobrete en infantís

Nunha xornada marcada polo bo tempo, en fútbol-11, as únicas vitorias chegaron na categoría infantil, no que foi o primeiro dobrete da categoría na tempada. Pola súa banda, en fútbol-8, houbo resultados de todo tipo, pero, sobre todo, o máis importante foi o ben que o pasaron os nosos.

Xuvenís

O Xuvenil B non puido manter a súa boa dinámica e caeu, nun partido de moi alto nivel, contra o Amio SD por 0-1. Era un encontro no que estaba en xogo o primeiro posto do subgrupo e demostrouse por que ambos están realizando tan boa temporada. Ao final, un tanto dende o punto de penalti, no minuto 73, permitiulle aos amienses levar os tres puntos. Agora, aínda que igualados na táboa, os nosos caen ao segundo posto pola diferenza de goles, polo que terán que sumar alomenos un punto máis que o seu rival para poder acabar primeiros e loitar polo ascenso.

Pola súa banda, o EF San Lázaro tamén caeu pola mínima, no seu caso 2-1, na súa visita ao CD Rois.

Pese ao tanto inicial de Chouaibou Garba, os locais remontaron rápido e acabaron levando o triunfo.

Cadetes

O Cadete A despediuse do ano do seu debut na División de Honra cunha derrota por 1-5 contra o Arosa SC. Os branquiazuis estreáronse na categoría nunha tempada especial, caracterizada polos subgrupos, unha experiencia que lle servirá para afrontar o vindeiro curso. No último encontro, Leo González foi o autor do tanto compostelanista.

Mesma sorte e idéntico resultado recibiu o Cadete B, o cal caeu por 1-5 contra o ED Xuventude Oroso B. Nun encontro no que estaba en xogo o liderado, os de Sigüeiro sumaron tres puntos moi importantes para o devir da competición. O autor do tanto branquiazul, ao igual que o sábado co A, foi Leo González.

Mentres tanto, o Cadete C perdeu 0-4 contra o Victoria FC B, pero mantense no terceiro chanzo da táboa clasificatoria.

Infantís

No dobrete da categoría, o Infantil A sumou a vitoria contra o ED Xuventude Oroso B, ao que superou 5-0. Os nosos canteiráns, que marchan segundos na clasificación, sumaron os tres puntos co dobrete de Adrián López e os goles de Daniel Ouro, Hugo Nebra e Daniel Noya.

E na tarde do domingo, o segundo triunfo chegou co 2-3 do Infantil B contra o Amio B. Os compostelanistas remontaron no segundo acto, demostrando que van de menos a máis nesta liga.

Thiago Pereiro abriu o marcador para os branquiazuis no primeiro acto e, trala remontada local, os nosos volveron a pórse por diante cos goles consecutivos de Alejandro Prado e Blas Baqueiro.

Fútbol-8

En alevíns, o Alevín Pato Guillén volveu a gañar, tras superar ao Amio. O Alevín David Soto perdeu contra o Conxo C e o Alevín Brais Abelenda tamén caeu contra o Bertamiráns C, nun encontro que medía ao primeiro contra o segundo.

En benxamíns só xogou o Benxamín Sergio Pereira e fíxoo gañándolle ao Victoria FC B, o seu perseguidor na táboa, polo que amplía a vantaxe no liderado.E en prebenxamíns, ambos caeron contra os líderes dos seus subgrupos. O Prebenxamín Bicho ante o Amio SD e o Prebenxamín Baleato contra o Bertamiráns FC.

Fútbol Sala

Por último, o Biberón Álvaro Casas perdeu contra o Atlético Fátima por 0-4.