Etiquetas de Mautic

Crónicas canteira: Obradoiro CAB SAD

Infantil: Cenor Obradoiro

O Cenor Obradoiro cae na súa visita a Ferrol (67-44)

Difícil encontro para os obradoiristas na súa visita á complicada cancha do Aringal Basket Ferrol, nun encontro no que en ningún momento estiveron cómodos e que os locais dominaron desde o primeiro cuarto.

Os primeiros minutos do partido foron de continuas imprecisións en ambos lados da pista, pero os ferroláns comezaron a facerse co mando xusto despois da pausa Covid, á cal se chegou cun 8-3. Tras esta pausa, os locais xa estaban totalmente metidos no partido e abriron unha diferenza no marcador xa considerable 24-6.

No segundo cuarto o Cenor Obradoiro igualou a intensidade, realizando desta forma o xogo ao que están afeitos: dominando o rebote ofensivo e atopando un alto ritmo de xogo en ambos lados da pista. Este cambio de dinámica permitiu aos obradoiristas reducir a distancia ata o 34-22 co que se chegou ao descanso.

Na segunda parte o partido volveu arrincar como o inicio do encontro, cos visitantes cometendo demasiadas imprecisións e co Aringal Basket Ferrol anotando con facilidade, rompendo os locais o encontro grazas a un parcial de 23-5 neste período.

No último período os locais cometeron máis imprecisións, o cal aproveitaron os de Santiago para reducir a desvantaxe, pero a distancia era demasiado ampla e a vitoria quedou en Ferrol por un claro 67-44.

Os parciais por cuartos foron: 24-6, 10-16, 23-5 e 10-17.

O partido deixa unha sensación clara de superioridade dos locais, pero para a semana xogarase o partido de volta e os nosos terán a oportunidade de levantarse do golpe recibido e seguir loitando cada adestramento e mellorar cada día.