Cadete Fase Final: Balidea Obradoiro

O Balidea Obradoiro conságrase Campión Galego despois de gañar ao Estudiantes Lugo Leyma Natura nas semifinais e ao
Instituto Rosalía na final O Balidea Obradoiro disputou a final a catro da categoría cadete no pavillón do Instituto Rosalía, co Campionato Galego en xogo, ademais de dúas prazas para o Campionato de España da categoría.

Os obradoiristas enfrontáronse na semifinal ao Estudiantes Lugo Leyma Natura, nun trepidante partido no que os composteláns comezaron con bo pé, pero os lucenses colleron o dominio do encontro a partir do segundo cuarto, cunha gran intensidade defensiva e acerto dende tripla. Os xogadores do Estudiantes Lugo Leyma Natura chegaron a estar 15 puntos por riba no marcador a falta de oito minutos para o final do encontro (40-55).

Pero o Balidea Obradoiro, con dúas baixas dos seus xogadores, tiraron de corazón e gañas para loitar ata o último minuto do partido e, así, a través dunha gran defensa colectiva e o dominio dos rebotes, comezou unha impresionante e sufrida remontada, endosando un parcial de 28-6 no derradeiro cuarto que lle daría a vitoria e a ansiada clasificación para o Campionato de España Cadete (68-57).

Unha vez conseguido ese primeiro obxectivo da clasificación para o Campionato de España, tocaba disputar a final do Campionato Galego ante o Instituto Rosalía, que venceu en semifinais ao Ensino Lugo.

A final comezou cunha claro dominio dos locais, que mostraban máis de enerxía nos primeiros compases do encontro, acabando o primeiro cuarto cunha vantaxe de 9 puntos no marcador (16-9).

No segundo cuarto chegou a reacción obradoirista a través dun gran esforzo defensivo, unha mellor xestión dos ataques e buscando mellores opcións de tiro. Así conseguían remontar a desvantaxe chegando ao descanso coa mínima diferenza no marcador ao seu favor (26-27).Na segunda parte foi un continuo intercambio de canastras. Ningún dos dous equipos conseguía unha diferenza de máis de 3 puntos do outro, chegando ao derradeiro minuto do partido co marcador empatado a 50.

O Rosalía recibiu falta e anotou un dos dous tiros libres, pero colleu o seu propio rebote. O Obra presionou ao xogador con balón e forzou o erro, sendo capaces así de recuperar o balón e anotar en contraataque, poñéndose un punto por riba.
Despois do tempo morto local, os rapaces do Balidea Obradoiro xogaron unha enorme defensa para impedir que o Rosalía anotase, gañaron a loita do rebote defensivo e correu en contraataque para anotar unha canastra con falta adicional que lle daría a vitoria nun final de infarto (51-56).