Doce metais no Campionato Galego Master e debut de Juanito coa SD Compostela Atletismo

Os nosos conseguiron catro metais de cada na cita disputada o sábado en Pontevedra

O exxogador branquiazul estreouse coas cores do equipo de atletismo no Trail na Pobra

A SD Compostela Atletismo competiu este pasado sábado 29 de maio no Campionato de Galicia Máster ao Aire Libre, unha gran competición na que os nosos sumaron nada máis e nada menos que doce metais, con catro metais de cada (ouro, prata e bronce).

A calorosa xornada en Pontevedra comezou coas probas de fondo, con Martín e Manu Castiñeiras competindo nos 5000 metros, con ambos acadando unha marca por debaixo dos 18 minutos.

Xa cara o medio día, nos 800 metros, comezaron a chegar os metais. Ouro para Amador Pena, con 2:15 e ouro para Juan Botana, con 3:00, así como un gran quinto posto para Alberto Fernández, con 2:24. Pola súa banda, Jesús Cabo foi descalificado por pisar unha liña.

Sen apenas descanso, foi a quenda dos 1.500 metros, onde dobrou Amador, acadando unha magnífica prata cunha marca de 4:29. Mentres tanto, Sindo González conseguiu a súa MMP con 4:43.

A tarde comezou coas probas de velocidade, arrincando cuns 100 metros nos que Emilio García conseguiu o bronce, con 13.32, e Juan Alvarellos a prata, con 12.77 e MMP. Mentres tanto, Roi Porteiro tivo unha saída nula e Sonia foi sexta no seu debut.

Posteriormente, nos 3.000 obstáculos, José Sandá foi ouro con 11:09 e mellor marca persoal.

E para rematar, as probas máis apaixonantes para os nosos e con máis metais colleitados. Nos 400 metros, Damián foi ouro con 54.26, a súa MMP e que supón mínima para o Campionato de España.

Santi Dapena, prata con 55.26. E Emilio García, bronce con 58.31 e MMP. A maiores, Roi Porteiro foi quinto con 59.83, Juan Botana logrou a súa MMP con 1:22.20 e Jesús Cabo rematou con 1:14.58.

E nos 200 metros, de novo trío de metais. Santi Dapena, dobrando, ouro con 25.09; Damián Espasandín, tamén dobrando, bronce con 25.23 e Mellor Marca Persoal; e Juan Alvarellos, bronce con 26.16 e mellor tempo seu de sempre. Na mesma distancia, Roi García debutou con 27.53 e Sonia Villar fixo 36.14.

Tamén o sábado, no Memorial Manolo Castiñeira de Lugo, Yago Iglesias volveu a competir nos 1.000 metros e de novo con mellor marca persoal, para deixala agora en 2’44”.

Pola súa banda, no Memorial Manolo Dieste de Ribeira, representou ao club Javier Prado, o cal tivo un problema coa sinalización no percorrido cando ía nunha boa posición.

E por último, dende O Carballiño ata Compostela, Fran Méndez estivo correndo durante case 11 horas para obter unha magnífica cuarta posición nunha proba titánica na que se transcorría pola Vía da Prata.

Domingo

Pola súa banda, o domingo, o club estivo presente no Campionato de Galicia de Trail Running Galicia, na Pobra do Caramiñal, na que acadou a quinta posición por equipos e tamén outro metal individual, xa que Brais Fernández obtivo a segunda praza Sub20, con 2 horas 57 minutos.

Na proba, Manu Castiñeiras, tralos 5.000 do sábado, deulle outros 24 quilómetros ás pernas de puro monte galego. Javier de Dios, obtivo un magnífico décimo posto na xeral absoluta e Pedro Pazos tamén acadou un gran papel no Trail con 2 horas 52 minutos.

Na proba tamén estivo presente, debutando coas cores da SD Compostela Atletismo, un exfutbolista branquiazul como é Juan Amigo “Juanito”, quen ocupou o posto 35 con 2h44′. Tras formar parte dunha das épocas máis gloriosas do Compos, agora volve ao club para agasallar aos amantes do atletismo coa súa forma física e velocidade.