Crónicas canteira: Obradoiro CAB SAD

Pre infantil: Clínica Baltar Obradoiro

Importante vitoria do Clínica Baltar ante o Porriño Baloncesto Base no inicio da segunda fase (64-59)

Esta fin de semana comezou a segunda fase da Liga Galega Pre Infantil Masculina e o Clínica Baltar recibiu ao Porriño Baloncesto Base que chegaba invicto.

O encontro comezou cun ritmo moi alto por parte de ambos equipos, pero ao mesmo tempo con grandes imprecisións nos dous lados da pista.

Aos poucos, os de Porriño foron comezando a controlar o partido, aproveitando as perdas locais para sumar puntos ao contraataque e, desta forma, lograr as primeiras vantaxes no marcador. No segundo cuarto, o Clínica Baltar Obradoiro logrou cambiar a dinámica do partido, subindo a súa intensidade defensiva e comezando a romper en 1×1 lograron mellorar as súas posicións de tiro para subir as súas porcentaxes e chegar ao descanso cun 33-33 no marcador.

A segunda metade comezou da mesma forma que rematou a primeira, cunha gran intensidade por parte de ambos os conxuntos, pero con máis acerto obradoirista, o que lles fixo lograr oito puntos de vantaxe no inicio do cuarto.

No último cuarto o cansazo comezou a facer efecto nos locais, baixando as porcentaxes de tiro e entrando o encontro nun maior caos. Este momento foi aproveitado á perfección polos de Porriño, que lograban poñerse a falta de tres minutos por riba no marcador.

Con todo, despois dun tempo morto local, o Clínica Baltar Obradoiro logrou facer un esforzo extra para volver darlle a volta ao marcador e rematar gañando por 64-59.

https://competiciones.fegaba.com/competicion/2168