Crónicas canteira Obradoiro-CAB

Cadete: Balidea Obradoiro

O Balidea Obradoiro vence ao Cafés Candelas Ensino no primeiro encontro da segunda fase (115-42)

Comezou a segunda fase polo título da Liga Galega Cadete e cruzábanse o Balidea Obradoiro, primeiro do grupo Centro, contra o Café Candelas Ensino de Lugo, primeiro do grupo Norte.

O partido comezou cun gran ritmo por parte de ambos os equipos, que presionaban a todo o campo. Os obradoiristas conseguiron que os visitantes cometesen erros na saída de balón e na selección dos seus tiros e, ademais, foron capaces de atacar con agresividade a canastra rival. Así se chegaba ao final do primeiro cuarto con 23 puntos de diferenza para os locais (32-9).No segundo cuarto, os locais non baixaron a intensidade do partido e, grazas ás rotacións, mantiveron un gran nivel defensivo e aumentaron a distancia no luminoso, chegando ao descanso cun 63-28 no mesmo.

Na segunda parte mantívose a tónica do partido cun gran dominio do Balidea Obradoiro, que seguía defendendo e atacando con gran intensidade, chegando ao final do partido cun 115-42 no marcador.

Os parciais de cuartos foron: 32-9, 31-11, 37-16 e 15-6.

O vindeiro sábado, os obradoiristas viaxarán a terras lucenses para disputar o partido de volta, correspondente á xornada 2 da segunda fase.