Crónicas canteira Obradoiro-CAB

Senior: Obradoiro Silleda

O Obradoiro Silleda consegue a vitoria tras un final de infarto ante o ULE RBH Basket León (69-67)

O Obradoiro Silleda recibiu ao conxunto máis en forma da competición, un ULE RBH Basket León que chegou cun refacho de catro vitorias consecutivas e contra o que os obradoiristas perderan no encontro de ida por só un punto. O encontro estivo marcado pola igualdade e a velocidade no xogo, que se resolveu nos segundos finais a favor do Obradoiro Silleda (69-67).

Arrincou o partido con ambos os equipos mostrando un altísimo nivel de dureza en todas as accións. Os obradoiristas eran capaces de xogar con dinamismo e obter boas posicións de tiro, pero a falta de acerto mantiña a igualdade no marcador. Aos poucos, os visitantes comezaron a castigar preto do aro rival, logrando as primeiras vantaxes ao seu favor.

No segundo cuarto viuse o mellor nivel de xogo dos obradoiristas, aínda sen acerto exterior, pero cunha gran verticalidade que lles permitía darlle a volta ao electrónico e chegar ao descanso cunha vantaxe de 33-26.

Tras o paso por vestiarios, o ULE RBH Basket León saltaba ao parqué cun gran acerto, volvendo igualar o electrónico nos primeiros minutos do terceiro cuarto.

A partir deste intre o partido mantívose con mínimas referencias para os dous equipos. Os obradoiristas atopaban algo máis de acerto desde a liña de tres, atacando con solvencia a zona de axustes dos visitantes e volvendo poñerse por diante grazas a un gran nivel defensivo. Nos últimos instantes, o Obradoiro Silleda chegaba cunha mínima renda ao seu favor que foron capaces de defender para alzarse cunha importante vitoria por un 69-67 final.

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: N. Barreiro (8), B. A Nongo (7), N. González (-), C. Hernández (8), G. Jofresa (11), M. Souto (6), M. Fernández (4), G. González (4), M. Paz (3) e R. Cubero (6).

Os parciais por cuartos foron: 10-16, 23-10, 18-24 e 18-17.

Esta próxima semana o Obradoiro Silleda terá dobre xornada como local, recibindo o mércores ao KFC Culleredo a partir das 19:00 horas e o domingo ao Agostiños Leclerc ás 17:30 horas.