Etiquetas de Mautic

Fin de semana chea de competicións de todo tipo para os atletas da SD Compostela Atletismo

A fin de semana de atletismo para o Compos comezou o sábado pola mañá coa importante baixa por lesión de última hora de Nuno Costa no Campionato de Galicia de 10.000 metros, o cal se celebrou en Noia.

Esa mesma xornada, pola tarde, na localidade cántabra de Liencres, Jordi Carrasco, Paula Esteiro, Iván Abeledo e Brais Pérez, participaron no Campionato de España de Trail. Na proba, Jordi obtivo un fantástico oitavo lugar, Paula foi décima e Brais Pérez vixésimo sétimo. Pola súa banda, unha das nosas grandes bazas, Iván Abeledo, tivo que retirarse por lesión tras sufrir unha caída nos primeiros quilómetros.

Mentres tanto, nas pistas de Elviña, en A Coruña, varios dos máis cativos do club participaron en diversas probas. Daniela Gil competiu nos 50 metros lisos, Irene Leis nos 500 metros e Clara Leis e Eric Iglesias, debutando na especialidade, no salto de lonxitude. Todos eles obtiveron magníficos resultados e pasaron unha xornada ben divertida, nunha tarde de treboadas na que tiveron a sorte de esquivar a choiva.

Na mesma competición, o cadete Yago Iglesias mellorou, unha vez máis, a súa marca nos 600 metros, rexistrando 1’36”, deixando ademais o seu mellor rexistro para os 300 metros en 42”81. Na mesma distancia, participou Ian Torres, rexistrando un bo 1’49”. A maiores, Amador Pena participou nos 800 metros, gañando a súa serie con 2’01”.

Xa o domingo, varios representantes do club estiveron na carreira de 5 kms. de Castiñeiras, en Ribeira, con actuacións destacadas, en praza de podio absoluto, de Jordi Carrasco e a debutante coas nosas cores Shaila Muñiz. Tamén participaron Fran Méndez, décimo noveno, e Silvia Fernández, novena muller e quincuaxésimo primeira absoluta.

Ao mesmo tempo, moitos dos atletas branquiazuis participaron no campionato de España de Duatlón, na localidade madrileña de Alcobendas.