Crónicas canteira Obradoiro CAB

Junior: Obradoiro Peleteiro

O Obradoiro Peleteiro suma dúas vitorias nunha fin de semana chea de baloncesto

O Obradoiro Peleteiro disputou esta fin de semana dous encontros ante o Club Ourense Baloncesto.

No primeiro partido, xogado en Santiago, foi o Obradoiro Peleteiro quen controlou o ritmo desde o primeiro minuto grazas a un gran defensa 1×1 e control do rebote. Combinando a defensa cunha boa circulación do balón en ataque, o xogo interior e o rebote ofensivo, os obradoiristas conseguiron unha gran vantaxe ao descanso.

No terceiro cuarto o equipo baixou moito o ritmo por culpa do efectivo traballo do COB en defensa, limitando as posibilidades para o Obra, e deixando en só 16 puntos anotados. Aínda que non anotaba, o equipo foi capaz de manter un bo nivel defensivo, deixando o rival en só 3 puntos anotados. O último cuarto foi a favor dos visitantes, que foron capaces de atopar o seu acerto ofensivo grazas dun bo xogo sen balón.

Os parciais de cada cuarto foron: 24-9, 27-17, 16-3, 17-20

No encontro de volta, o Obra viaxou ao partido con só 8 xogadores. Desde o principio foi un partido moi igualado, cos locais sendo mellores durante os primeiros minutos. O Obra tivo problemas co rebote ofensivo e o balance defensivo, onde sacou vantaxe o equipo de Ourense, metendo varias canastras en contraataque. O Obra foi capaz de corrixir no segundo cuarto, mellorando asúa defensa individual e colectiva, e convertendo canastras diante grazas á boa calidade dos bloqueos para liberar tiradores.

Despois do descanso, o Obra continuou crecendo, levando a vantaxe no marcador a maioría do tempo, cun nivel defensivo adecuado e boa circulación do balón en ataque, onde foron capaces de anotar todos os xogadores que pisaron a pista. No último cuarto o Obra continuou atopando vantaxes no tiro exterior que lles permitiu estar sempre por diante no marcador.

Os parciais de cada cuarto foron: 16-14, 11-15, 15-18, 23-24.

Junior: Grupo Caeiro Obradoiro

O Grupo Caeiro Obradoiro cae ante o líder na súa visita a Noia (89-50)

O Grupo Caeiro Obradoiro visitou o pavillón Alonso Rodríguez de Noia para medirse ao líder da competición, nun encontro marcado polo ritmo dos locais no primeiro e o último cuarto, que lles permitiu romper o partido (89-50).

Desde o salto inicial, o C.B. Noia logrou impoñer a súa superioridade baixo os aros para ir sumando puntos en segundas opcións e pechando a súa zona. Os santiagueses non eran capaces de igualar a dureza que requiría o encontro e viron como o seu rival ía aos poucos abrindo brecha no marcador.

Xa na segunda parte, os obradoiristas foron capaces de subir o nivel defensivo e competir de igual a igual, pero a falta de acerto exterior impediulles controlar o cuarto e reducir as distancias. Desta forma os locais, tras superar o momento de maior combate dos visitantes, volveron despegarse a través de rápidos contraataques que remataron por pechar o encontro por un marcador final de 89-50.

Os parciais por cuartos foron: 18-6, 26-14, 18-14 e 27-16.A próxima fin de semana, o Grupo Caeiro Obradoiro terá xornada de descanso, regresando á competición á volta de Semana Santa, de novo contra o C.B. Noia no encontro de volta no pavillón Lorenzo da Torre.