Crónicas canteira Obradoiro CAB

Senior: Obradoiro Silleda

O Obradoiro Silleda volve de Lugo cunha importante vitoria tras unha gran remontada (65-71)

Despois de dúas semanas sen competir debido a aprazamentos por positivos nos equipos rivais, o Obradoiro Silleda regresou á competición visitando o Palacio dos Deportes de Lugo, nun partido no que a pesar do desacerto, os obradoiristas lograron certificar unha nova vitoria grazas a un gran último cuarto.

Arrincou o partido cun equipo lucense moi concentrado que castigaba cada erro defensivo do seu rival para sumar os seus primeiros puntos. Aos poucos, os obradoiristas foron entrando en xogo, pero as súas baixísimas porcentaxes desde fóra do arco (con ata seis triplos liberados fallados neste parcial) facía que a igualdade se mantivese no marcador.

Co paso dos minutos, o Estudiantes de Lugo Leyma Natura ía pechando cada vez máis a súa zona. O desacerto rival facíalles crer aínda máis no seu plan de partido e lograban frear aos obradoiristas e chegar ao descanso cunha vantaxe de 28-24.

Á volta de vestiarios, o Obradoiro Silleda tratou de dar a volta ao encontro a través da defensa. Subindo a presión defensiva foron capaces de cambiar o ritmo do xogo, pero os lucenses adaptábanse á perfección e seguían dominando o marcador ata chegar a colocarse con sete puntos de vantaxe.

Faltaba só dez minutos para que a vitoria quedase en Lugo, pero nese momento o alto nivel defensivo obradoirista empezou a verse acompañado tamén con maior acerto en ataque. Desta forma, con varios triplos nos últimos minutos, os obradoiristas abrían a zona local para endosar un parcial final que lles permitiu dar a volta ao marcador e alzarse cunha traballada vitoria por un 65-71 final.

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: N. Barreiro (7), B. A Nongo (2), N. González (7), C. Hernández (3), M. Souto (5), M. López (2), G. González (30), P. Pérez (2), M. Paz (-), A. Serrano (-), C. Taboada (2) e R. Cubero (11). Os parciais por cuartos foron: 14-13, 14-11, 20-17 e 17-30.A próxima fin de semana o Obradoiro Silleda recibirá no pavillón César González Fares de Silleda a un duro rival como é o Porriño Baloncesto Basee, o domingo desde as 17:30 horas.

Junior: Obradoiro Peleteiro

O Obradoiro Peleteiro inicia a segunda fase cunha vitoria fronte ao Iberconsa Novobasket (68-97)

Esta fin de semana retomouse a 1a División Junior, na que o Obradoiro Peleteiro arrincou tamén a segunda fase da Liga coa súa visita ao Iberconsa Novobasket de Vigo.

Comezou o partido cos obradoiristas moi desacertado nos primeiros instantes e cos de Vigo levando as primeiras vantaxes no marcador. Aos poucos, os do Obra foron capaces de frear o 1×1 exterior dos xogadores de Novobasket, e comezaron a atopar maior calma no seu ataque.

No segundo cuarto, o Obra chegou á súa mellor versión defensiva, limitando o equipo de Vigo a só catorce puntos e mellorando moito o traballo en rebote defensivo. En ataque, os obradoiristas lograban atopar tiros liberados en transicións que lle permitían atacar a zona rival. A isto hai que sumarlle o gran traballo no rebote ofensivo que axudou a lograr unha vantaxe de 33-47.

O terceiro cuarto foi máis igualado. O equipo de Novobasket volveu ser moi vertical no ataque a través de penetracións ao aro e causou problemas ao Obradoiro Peleteiro no bloqueo directo.

Grazas ao seu esforzo colectivo no rebote ofensivo, o Obradoiro Peleteiro foi capaz de seguir sumando puntos. Con todo, no último cuarto os obradoiristas remataron por romper o choque, de novo a través dunha forte defensa e un gran xogo en contraataque, conseguindo aumentar a vantaxe e levar a primeira vitoria desta segunda volta por un 68-97.

O próximo partido será a volta contra Novobasket, o sábado 13 de Marzo, ás 12:00 en Peleteiro.

Junior: Grupo Caeiro Obradoiro

O Grupo Caeiro Obradoiro vence ao ADB Fontiñas (38-68)

Regresaron os encontros para o Grupo Caeiro Obradoiro tras case dous meses sen competición no pavillón de Pontepedriña.
Arrincou o encontro co ADB Fontiñas refuxiándose nunha zona 3-2 que freou o ataque visitante e permitíalles fiar varias transicións rápidas para tomar as primeiras vantaxes. Neste primeiro período, o Grupo Caeiro Obradoiro mantivo un bo nivel defensivo co que puideron xogar a campo aberto, pero que non eran capaces de transformar en puntos.

O segundo cuarto seguiu coa mesma dinámica: os de Fontiñas marcando o ritmo do xogo a través da súa defensa zonal que, con varios roubos en liñas de pase, outorgáballes puntos en transición para irse ao descanso cunha vantaxe de 21-31.

Despois do descanso, os obradoiristas conseguiron mellorar a circulación de balón fronte á zona, atopando mellores situacións de tiro e dándolle a volta ao marcador neste período. A partir deste intre os do Obradoiro dominaron o xogo e foron capaces de consolidar a vitoria nuns bos minutos finais, selando o triunfo por un 38-68.

Os parciais por cuartos foron: 9-15, 12-16, 6-22 e 11-15.

A próxima fin de semana o Grupo Caeiro Obradoiro xogará a volta contra o ADB Fontiñas, esta vez no pavillón Lorenzo da Torre, o sábado, ás 9:30 horas.

Infantil: Opticalia Obradoiro

O Opticalia Obradoiro leva o triunfo ante Basquet Ames nun partido igualado ata os últimos minutos (61-50)

Empezou o partido cun ritmo bastante lento por ambas partes e con pouca anotación debido ao longo parón sen actividade.

Desta forma o partido avanzaba sen claras vantaxes e cun gran nivel de desacerto.

Ao comezo do segundo cuarto, os visitantes foron empezando a dominar o choque grazas a unha maior verticalidade no seu 1×1 a través de aumentar o ritmo do xogo para chegar ao descanso cunha vantaxe de 27-30.

Á volta de vestiarios, o Opticalia Obradoiro saía máis agresivo ofensivamente, atacando a través de penetracións á vez que controlaba o xogo en estático do Basquet Ames. Pero, a pesar deste cambio na dinámica do xogo, o partido mantíñase igualado na entrada aos últimos dez minutos.

Xa no último cuarto, os obradoiristas foron mellorando o seu nivel defensivo e sumando transicións que lles permitían coller unha lixeira renda que xa nondesperdiciarían, levándose así o primeiro triunfo nesta volta á competición por un 61-50 final.

Os parciais por cuartos foron: 11-7, 16-23, 18-11 e 16-9.

A próxima fin de semana, o Opticalia Obradoiro medirase ao ADB Fontiñas nun horario aínda por confirmar.

Preinfantil: Clínica Baltar Obradoiro

Vitoria do Clínica Baltar Obradoiro na volta á competición nun igualado encontro en Culleredo (74-83)

O Clínica Baltar Obradoiro disputou no pavillón do Burgo de Culleredo un novo encontro da liga Preinfantil, no que se viron as caras os dous equipos que continuaban invictos ata ese momento: O KFC Culleredo e Clínica Baltar Obradoiro.

Comezou o partido cun Obradoiro un pouco máis desacertado que os seus rivais, logrando estes unha pequena vantaxe de 8-2 nos primeiros minutos. Aos poucos, as faltas do KFC Culleredo e unha maior velocidade no xogo encontraataque dos visitantes permitíalles achegarse no electrónico.No segundo período, o Clínica Baltar Obradoiro tivo moitos problemas para atacar debido ás baixas porcentaxes de lanzamento que tiveron en boasposicións de tiro. Nese momento, os locais atopábanse cunha gran acumulación de faltas en varios dos seus xogadores máis importantes, pero a pesar diso decidiron arriscar manténdoos en pista e saíulles ben, logrando unha vantaxe de sete puntos ao descanso.

Co inicio da segunda metade a tónica seguiu sendo a mesma: moitas faltas persoais por parte dos dous equipos, que entraban moi pronto en bonus. Desta situación saíron máis beneficiados os locais, xa que os obradoiristas estiveron desacertados durante todo o encontro. Con todo, durante este cuarto o KFC Culleredo perderon, por acumulación de faltas, ao xogador que máis estaba a xerar, algo que aproveitaron os obradoiristas para reducir distancias e entrar no último período con todo por decidir.

O último cuarto prometía apaixonante e non decepcionou, cun continuo intercambio de parciais, onde os locais comezaron anotando, pero, o Obra deu un forte arreón co que non puideron os locais. O Clínica Baltar Obradoiro conseguiu poñerse por diante por primeira vez desde o segundo cuarto, alongando a súa vantaxe ata os nove puntos e logrando a vitoria por un 74-83 final.

Os parciais por cuartos foron: 20-25, 23-13, 12-17 e 19-28.

A próxima semana o Clínica Baltar Obradoiro recibirá o sábado, ás 12:30 horas, ao KFC Culleredo no partido de volta.