Gran fin de semana de atletismo

Con ouro incluído para Ainoa Gontán

A SD Compostela viviu unha gran fin de semana de atletismo, con tres xornadas de probas nas que as cores branquiazuis estiveron presentes pola comunidade. Houbo ampla representación dos nosos, malia que moitos tamén quedaron sen competir, o que pon de manifesto, aínda máis, a necesidade de pistas homologadas en Santiago.

Con todo, a actividade comezou o venres, nas pistas de Elviña (A Coruña), coa presenza de Carlos González nos 60 metros lisos, rexistrando, tras moito tempo sen competir, uns bos 8.37, sendo segundo na súa serie. Mentres tanto, sábado pola mañá, tocoulle a Paula Fernández competir nos 500 metros, gañando a súa carreira con 1’30”.

A principal proba desta fin de semana tamén se celebrou o sábado, o Campionato de Galicia Sub18. Nel chegou a gran nova do ouro de Ainoa Gontán nos 3.000 metros, cun tempo de 11’03”.

Ademais, pola tarde, Yago Iglesias competiu nos 1.000, acabando moi preto da súa mellor marca e na posición décimo cuarta de tódalas series; e Ian Torres, nos 600, cunha terceira posición na súa serie e undécimo no total.

Do mesmo xeito, as máis cativas do club tiveron un control de marcas no que competiron Alejandra, Alma e Ariana, en peso; Ariana, Clara e Irene, nos 60 metros; e Martina e Sofía, nos 500.

Por último, para rematar, o domingo houbo competición en Ourense, onde estiveron Yago Iglesias, cun primeiro e un terceiro posto nos 60 e 300 metros, respectivamente, e mellorando marcas; e Ian Torres, nas mesmas distancias e con magníficos resultados.

A maiores, alén das nosas fronteiras, Nuno Costa regresou á competición tras varios meses, correndo por debaixo dos 31 minutos nos 10.000.