Doce metais no Campionato Galego Máster para o Compos

A fin de semana comezou o sábado coa disputa do Campionato de Galicia de pista cuberta en Ourense para sub-10, sub-12 e sub-14, coa presenza de sete cativos da SD Compostela Atletismo. Desfrutaron dunha gran experiencia en terras ourensás Martín e Iria Giao, Eric Iglesias, Clara López, Iara Torres, África Gil e Marcos Barcala.

Pola súa banda, collendo o relevo dos cativos, os atletas Máster realiazaron unha grandísima actuación no Campionato de Galicia disputado o domingo en Pontevedra, conseguindo un total de doce metais nesta gran xornada atlética.

José Sanda proclamouse dobre campión de Galicia M35 nos 800 e nos 1.500 metros, mellorando ademais os seus rexistros en ambas distancias. Nesa mesma categoría, Santi Dapena logrou a medalla de ouro nos 400 metros lisos.

Tamén mellorando as súas marcas, Antonio Vázquez logrou o ouro nos 800 e a prata nos 1.500, na categoría M50. O sabor da prata foi saboreado ata en tres ocasións por Juan Botana, subcampión en M65 nos 400, 800 e 1.500, acadando mellor marca persoal neste campionato.

Pola súa banda, Amador Pena logrou o Campionato de Galicia nos 800 metros, nunha proba na que Pedro Pazos foi bronce, acadando a súa mellor marca de sempre. Pola súa banda, nos 400 metros, tanto Amador Pena como Emilio Brun, lograron a prata nas súas respectivas categorías.

Tamén participaron, acadando magníficos rexistros e rozando os postos de honra, Juan Alvarellos, con mellor marca persoal nos 400 metros; Manu Castiñeiras, nos 1.500 e nos 800 (con MMP); Roi Porteiro, segundo na súa serie dos 800; Jordi Carrasco, nos 3.000, cun gran rexistro de 9’39”; e Damián Espasandín, quen quedou eliminado nos 400 por un movemento na saída.

Pola súa banda, no país veciño, Nuno Costa competiu nos campionatos nacionais de Portugal, acadando un magnífico noveno posto, a tan só vinte e cinco segundos do gañador.