Crónicas Obradoiro CAB

Obradoiro CAB

Senior: Obradoiro Silleda

O Obradoiro Silleda volve á senda do triunfo coa súa vitoria en Carballo (73-80)

O Obradoiro Silleda enfrontouse no pavillón Vila de Noia de Carballo a un Calvo Basket Xiria que arrincou o ano 2020 cun gran nivel de forma.

Nun partido no que a igualdade foi a tónica xeral, os obradoiristas foron capaces de levar a iniciativa desde o inicio e manter unha lixeira renda que aproveitaron para controlar os minutos finais e lograr a súa sétima vitoria da tempada.

Arrincou o partido con máxima igualdade e cun bo nivel defensivo de ambos conxuntos. Aos poucos, os visitantes foron capaces de mellorar a súa circulación de balón e, a partir de atopar mellores posicións de tiro, conseguían as primeiras vantaxes de sete puntos ao seu favor. Os locais non tardaban en reaccionar e con varias transicións rápidas rebaixaban a distancia e mantiñan a igualdade no marcador.

No segundo cuarto a dinámica non variou. Uns primeiros minutos nos que o Obradoiro Silleda logrou un gran nivel defensivo e ameazou con despegarse, seguido duns minutos de acerto local que reducían as diferenzas, chegouse ao descanso cun marcador 34-41.

Á volta de vestiarios, os obradoiristas marcaron un gran ritmo de xogo, pero esta vez sen fortuna en varios lanzamentos que atoparon en claras posicións de tiro e que lles impedía aumentar a vantaxe dos dez puntos. Nese momento, o Calvo Basket Xiria empezou a alternar unha forte presión cunha defensa zonal para tratar de baixar a circulación visitante, os obradoiristas non se bloquearon e continuaron manexando o marcador ata os instantes finais, para certificar unha nova vitoria por un 73-80 final.

Os parciais por cuartos foron: 16-20, 18-21, 19-21 e 20-18.

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: N. Barreiro (17), B. A Nongo (5), N.González (8), C. Hernández (5), G. Jofresa (7), M. Souto (8), M. López (6), G.González (13), P. Pérez (-), M. Paz (10), A. Serrano (-) e R. Cubero (1).

A próxima fin de semana, o Obradoiro Silleda iniciará a segunda volta visitando a pista do Santo Domingo Betanzos, o domingo, a partir das 17:00 horas.