Termina o I Campus Compostec

Clausúranse dúas semanas de actividades no Campo de Santa Isabel nas que os pequenos aprenderon e pasárono moi ben

O I Campus da Escola de Tecnificación da SD Compostela, “Compostec”, organizado pola Fundación SD Compostela, chegou hoxe ao seu fin despois de dúas intensas semanas nas que os pequenos realizaron multitude de actividades e exercicios para mellorar técnica e tacticamente. Ademais, tamén houbo tempo para exercicios máis lúdicos para o desfrute dos inscritos.

Seguindo as pautas dos adestradores, entre os que se atopaban titulados co Nivel 2 e 3 e graduados en INEF, os pequenos futbolistas puideron traballar, en grupos reducidos, aspectos e capacidades individuais da práctica futbolística (incluídos exercicios específicos de porteiros), baixo un ambiente de traballo lúdico e saudable.

Do mesmo xeito, os nenos e nenas recibiron a visita de dous exxogadores, Jonathan Carril e Gonzalo García Recoba, ao final de cada semana. Cos pequenos, ambos compartiron as súas experiencias e responderon as dúbidas expostas.

Este Campus tamén serviu para dar a coñecer o labor da Escola de Tecnificación da SD Compostela, a cal iniciará neste 2020 o seu terceiro ano de traballo. Dirixida por Iván Carril, nela inciden na mellora individual dos xogadores.

Por outra banda, durante o transcurso destas dúas semanas mantivéronse unhas intensas medidas de seguridade para evitar calquera incidencia, uns protocolos que se cumpriron á perfección e nos que contamos coa colaboración das familias dos participantes.

Por último, desde a SD Compostela queren agradecer a colaboración das empresas e institucións que fixeron posible a celebración do I Campus Compostec. En especial, mencionar a Segundo Rey SL, o patrocinador principal, pero tamén aos demais colaboradores como Vatop, Concello de Santiago, Gadis, Auga de Sousas, Kia Compostela Concesionario, Witland, Lambonadas, Gráficas Alonso e a Deputación da Coruña.