Triplete en cadetes e dobrete en infantís

O Cadete A superou en casa en Dumbría e o Infantil A o EFM Boiro, segundo, de visitante

A xornada para as categorías inferiores da SD Compostela completouse con oito vitorias, dous empates e catro derrotas. En fútbol-11, no que se colleitaron as dúas igualadas (Filial e Xuvenil B), destacaron o triplete dos cadetes, todos como locais, e o dobrete dos infantís, ambos de visitantes. Ademais, o Alevín C, Benxamín A e Prebenxamín B foron os outros triunfadores.

En primeiro lugar, o SD Compostela-Zona Vella sumou un novo empate noutro derbi compostelán, esta vez, empatou 2-2 contra o ADM Peleteiro. O filial branquiazul sumou este punto despois de equilibrar a vantaxe local na segunda parte, mercé a un dobrete de Alberto Fernández. Agora, os nosos marchan na sexta praza.

Non tivo tanta sorte esta vez o Xuvenil A, único conxunto de f-11 da base que caeu derrotado. Os nosos que seguen como líderes, con dúas unidades de vantaxe sobre o Atlético Coruña Montañeros, perderon pola mínima (0-1) ante un Bergantiños que escala ata o terceiro caixón da liga. Agora, os canteiráns tentarán recuperar sensacións na súa visita ao Viveiro. Pola súa banda, o Xuvenil B logrou un importante empate (1-1) na súa visita ao EFM Boiro, sétimo clasificado, un punto que axuda aos nosos a escaparse das prazas de descenso. Martín Díaz foi o autor do tanto compostelanista.

En Liga Galega, e contra outro equipo da Costa da Morte, o Dumbría, si sumou a vitoria (2-1) un Cadete A asentado na segunda praza, posición de ascenso directo. Os de Iván Carril fixérono remontando a diana visitante, grazas aos goles, no segundo acto, de Iker Carril, de penalti, e de Keko. Os nosos manteñen dous puntos de renda co Atlético Coruña Montañeros.

Mentres tanto, en Segunda Autonómica, o Cadete B regresou á acción cun novo triunfo (1-0) contra o Victoria B, co que manteñen o co-liderado, aínda que esta semana recuperarán o seu partido aprazado. David Porto, no desconto, foi o encargado de desnivelar a balanza. E o Cadete C, remontando unha diferenza de dous goles (3-2), tamén sumou tres valiosos puntos contra o Milladoiro B. Anxo Ferreiros, na primeira, e Yago Castaño e Ruibo Yang, na segunda, fixeron posible a vitoria local.

E en infantís, un novo dobrete, e con enorme mérito, xa que ambos o fixeron como visitantes e ante dous duros rivais. En primeiro termo, o Infantil A, terceiro na táboa, goleou por 0-4 ao EFM Boiro, segundo clasificado, nun encontro no que mostraron o enorme nivel que atesouran. O hat-trick de Anxo Fuentes e o gol final de Leo González fixeron posible a machada compostelanista. Á súa vez, o Infantil B, cuarto en liga, superou por 1-4 ao Dubra SD, mercé ao tanto inicial de Alejandro Prado e ao hat-trick posterior de Dani Ouro.

En fútbol-8, o Alevín A viuse superado polo líder, o ED Santiago, contra o que perdeu por 1-7. Con todo, o Alevín C si acadou os tres puntos (2-4), no seu debut na segunda fase da competición, ante o Cacheiras B.

O Benxamín A tamén logrou a vitoria tras superar ao Amio, polo que segue a tres unidades do líder, mentres que o Benxamín B caeu ante o Atlético Fátima B. E por último, o Prebenxamín A xogará o seu encontro contra o Peleteiro este mércores e o Prebenxamín B logrou o seu primeiro triunfo da segunda fase ao superar ao Bandeira como visitante.Para rematar, en fútbol sala, o Biberón A viu aprazado o seu encontro pola condensación do pavillón, mentres que o Biberón B perdeu por 1-2 contra o Club Melide Sala.