Prazas de ascenso directo para os equipos de Liga Galega

  • Xuvenil A e Cadete A sumaron un gran dobrete na súa visita ao Racing Villalbés
  • En fútbol-11 rozouse o pleno e en fútbol-8 destacou o triunfo do Benxamín A contra o líder

A xornada para as categorías inferiores da SD Compostela saldouse con dez triunfos e cinco derrotas, con seis éxitos de sete posibles en fútbol-11. Na parte destacada, os conxuntos de Liga Galega lograron un dobrete en Vilalba grazas ao que marchan en praza de ascenso directo. En fútbol-8, tamén é reseñable a vitoria do Benxamín A contra o líder invicto ata a data e do Biberón A contra o segundo clasificado.

En primeiro lugar, o SD Compostela-Zona Vella volveu á senda da vitoria tras superar ao Atlético Fátima, nun derbi marcado polas condicións meteorolóxicas adversas. O Filial gañou por 2-1, despois de remontar o tanto inicial dos visitantes. O xuvenil Yago Torrente e Alberto Fernández, nun intervalo de seis minutos, puxeron a vantaxe para os compostelanistas e xa non a deixarían escapar. Agora, seguen sextos e buscando escalar posicións.

En Liga Galega, o Xuvenil A sigue como líder, con cinco puntos de renda sobre o segundo, logo de superar por 1-2 ao Racing Villalbés B no Estadio Roca. Os canteiráns sumaron tres novos puntos, nun campo moi desgastado, cos tantos de Yosi Montoto e Manuel Rivas, un en cada parte. Mentres tanto, o Xuvenil B logrou un novo triunfo, o segundo nos seus últimos tres partidos, que o afastan dos postos de descenso. Precisamente, superaron por 2-5 ao Cordeiro, que marca o corte coa queima, con senllos dobretes de Sergio García e Juan Amigo, aos que se sumou o gol final de Martín Díaz.

Antes de que o fixese o xuvenil, o Cadete A estreou a matinal en Vilalba cunha vitoria por 1-3 contra o mesmo Racing Villalbés. Os de Iván Carril remontaron o tanto inicial lucense para levar tres importantes e complicados puntos, mercé aos cales soben ao segundo posto, posición de ascenso directo, con dous de marxe sobre o terceiro e cuarto clasificados. No que respecta ao partido, Sergio Martínez, ao cuarto de hora, igualou a contenda, dándolle a volta á tortilla nun segundo acto no que Hugo Pérez, en dous minutos, anotou un dobrete definitivo.

En Autonómica, mentres que o líder Cadete B viu aprazada a súa cita ante o Peleteiro ata o próximo 12 de marzo, o Cadete C caeu por 5-0 co Amio B, sendo a única nota negativa da xornada en fútbol-11.

Por tanto, en infantís viviuse un novo dobrete, cun triunfo o sábado e outro o domingo. O último en xogar foi o Infantil A, que superou por 4-1 ao Victoria. Álvaro Espasandín, Lois Lortes e o dobrete de Leo González na segunda metade materializaron un novo triunfo dos branquiazuis, terceiros na clasificación, igualados co Amio. Anteriormente, o Infantil B, que marcha cuarto na táboa, gañou pola mínima (2-1) ao Conxo C no derbi. Os visitantes adiantáronse no marcador, pero Sergio Varela, no 24, e Yago Vilariño, no 43, permitiron que os puntos quedasen na casa.

En fútbol-8, o Alevín A non puido continuar coa súa boa dinámica, xa que perdeu por 2-1 contra o Compañía de María, mentres que o Alevín C, no último encontro da súa Liga, caeu por 3-4 ante o A Baña. Así, pecharon o curso no sexto lugar da táboa da Segunda Autonómica, cunha traxectoria de menos a máis.No máis destacado da fin de semana, o Benxamín A venceu por 2-1 ao Burgo das Nacións, líder invicto ata a data. Nun duelo moi igualado, e no que ambos demostraron o ben que xogan á súa curta idade, os branquiazuis levaron o gato á auga, polo que agora quedan a tres puntos do seu rival.

Non puido emulalo o Benxamín B, que caeu contra o Bertamiráns D. Na segunda fase da competición, o Prebenxamín A recuperou a segunda posición do grupo, tras superar ao Peleteiro, mentres que o Prebenxamín B perdeu contra o Cacheiras, primeiro clasificado no seu.

Por último, en fútbol sala tamén se viviu un dobrete. O Biberón A superou por 1-0 ao Atlético Fátima nun encontro entre segundo e terceiro. Agora, os pequenos compostelanistas quedan a un punto do seu rival, posición que marca a pelexa posterior polo título. Á súa vez, o Biberón B venceu por 1-3 ao Villestro C, recuperando sensacións.