Crónicas canteira Obradoiro CAB

Obradoiro CAB
Obradoiro CAB

Senior: Obradoiro Silleda

O Obradoiro Silleda asalta a pista do USAL La Antigua (80-82)

O Obradoiro Silleda viviu un complicado choque a fin de semana visitando a pista dun CB Tormes que chegaba nun gran momento de forma e que non coñecía a derrota no seu pavillón desde o pasado 23 de novembro.

Nun encontro no que a igualdade foi a tónica desde o salto inicial e ata o último segundo, os obradoiristas levaron un meritorio triunfo cunha canastra sobre a bucina (80-82).

Arrincou o encontro con gran acerto por parte de ambos equipos, atopando posesión tras posesión as súas vantaxes e mantendo de forma regular un gran acerto no tiro. O xogo interior obradoirista cargábase de faltas nestes primeiros minutos, pero a resposta de todo o equipo permitíalles seguir controlando o ritmo de xogo.

Co paso dos minutos o nivel de ambos os equipos mantívose, pero a metade do segundo período varios triplos de gran mérito por parte do equipo local, provocou que a moral dos visitantes baixase e cometesen erros defensivos, que lles fixo chegar ao descanso cun 44-38.

Á volta de vestiarios, o Obradoiro Silleda tiña claro que o seu traballo non debía de cambiar ao realizado durante a primeira parte e que, se eran capaces de subir o nivel de dureza en segundas accións poderían volver igualar o partido. E así foi. Os locais seguían tendo problemas para atopar boas posicións de tiro e o Obradoiro Silleda aproveitábao para contestar o parcial do segundo cuarto.

Entrouse nos últimos minutos e a tensión era máxima. Ambos equipos castigaban cada erro do seu rival e lograban manter un nivel de acerto que facía imposible que o outro puidese conseguir vantaxe algunha. A falta de trinta segundos, o USAL La Antigua anotaba un triplo que poñía o empate a 80, pero nos últimos instantes non eran capaz de anotar desde o tiro libre e o Obradoiro Silleda lograba xerar a vantaxe a campo aberto para rematar anotando un lanzamento sobre a bucina que lles daba a vitoria nun gran partido por 80-82.

Os parciais por cuartos foron: 19-21, 25-17, 17-27 e 19-17.

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: A. Pérez (19), G. Jofresa (10), M. López (4), S. Eggertsson (8), R. García (9), V. Villadoniga (8), M. Fernández (5), M. Paz (2), J. Cal (4), E. Melini (-) e G. Arejolaleiba (6).

A próxima fin de semana, o Obradoiro Silleda recibirá o domingo, a partir das 17:30 horas, a un Universidade de Valladolid que chega nun gran momento de forma ao gañar dous dos seu últimos tres encontros, nunha partido clave para consolidarse na clasificación.

Junior: Obradoiro Peleteiro

O Obradoiro Peleteiro achégase ao campionato de España grazas á súa vitoria fronte ao Duran Maquinaria Ensino (94-62)

O Obradoiro Peleteiro recibiu en Montouto a un dos equipos candidatos a loitar ata o final por unha das prazas no campionato de España: o Duran Maquinaria Ensino.

O partido comezou co Obradoiro Peleteiro dando os primeiros pasos cunha serie de canastras preto do aro, que lograban grazas ao seu bo xogo de bloqueo directo e ao enorme traballo no rebote ofensivo. Nestes primeiros minutos os obradoiristas non deixaron moitas oportunidades aos lucenses, pero os visitantes tiñan claro como competir e forzaron ao seu rival varias perdas a través dunha defensa agresiva a toda a pista.

Xa no segundo cuarto os locais melloraron a súa saída da presión lucense e atoparon unha mellor circulación de balón no xogo posicional. Esta mellora ofensiva, unida á combinación dunha forte presión a todo campo cunha defensa de axustes en media pista, fixo que o Obradoiro Peleteiro se fose ao descanso cun 47-32.

Tras o paso polos vestiarios a tónica do partido non cambio. Os obradoiristas atoparon un gran acerto de fronte ao aro e seguíanse mostrando moi sólidos defensivamente. O nivel de contacto de ambos os conxuntos subiu e ambos os equipos comezaron a anotar moito máis desde a liña de tiros libres o que, unido a varias perdas de balón dos locais, permitiu ao Ensino evitar que a diferenza se disparase.

No último cuarto o Obradoiro Peleteiro mantivo o seu gran acerto desde o triplo e a diferenza no marcador ata o final do encontro. Os últimos minutos foron un intercambio de canastras do que os obradoiristas saíron claros vencedores por un 94-62 final.

Os parciais por cuartos foron: 26-20, 21-12, 24-13 e 23-17.

O próximo partido do Obradoiro Peleteiro será o domingo 15 de marzo, ás 17:00, ante Campus Ourense EDO Blanco Amor.

Junior: Grupo Caeiro Obradoiro Ames

O Grupo Caeiro Obradoiro Ames cae pola mínima no cruce ante o CB Noia (55-52)

O Grupo Caeiro Obradoiro Ames recibiu no pavillón de Pontepedriña ao C.B. Noia na volta dos cruces da fase final da 2ª División Junior de Santiago, nun encontro que, do mesmo xeito que o de ida, estaría marcado pola igualdade desde o salto inicial ata a última posesión.

O conxunto do partido foi un tira e afrouxa entre ambos os equipos nos que o alto nivel físico marcou o xogo en todo momento. Comezcou o encontro con moitos nervios en ambos conxuntos e con constantes alternativas no marcador.

Con todo, xa no segundo cuarto, o C.B. Noia atoparía o seu mellor momento de xogo e poría terra polo medio para irse ao descanso cun 24-34 ao seu favor.

No terceiro período a igualdade volvía ao encontro, pero a diferenza de dez puntos, máis os cinco puntos que necesitaban recuperar os locais para poder superar a eliminatoria, facía que a vitoria se vise case imposible.

Con todo, cando peor estaban as cousas, o Grupo Caeiro Obradoiro Ames deu unha mostra de loita e entrega para ir reducindo distancias ata levar o partido por tres puntos e quedar ás portas de superar o cruzamento, fallando o último lanzamento para superar a barreira do partido de ida que se decidiu tras dúas prórrogas.

Os parciais por cuartos foron: 12-14, 12-20, 14-12 e 17-6.

Cadete: Balidea Obradoiro

O Balidea Obradoiro gaña o derbi compostelán ao Instituto Rosalía (86-45)

O partido comezou con gran ritmo por parte de ambos os equipos, onde os ataques se impoñían ás defensas con facilidade.

Os do Instituto Rosalía sacaban rápidas transicións despois de rebote ou perda, e os obradoiristas traballaban ben na circulación do balón, dominando o rebote ofensivo. Así se chegaba ao final do primeiro cuarto con 26-21 no marcador.

No segundo cuarto, os do Balidea Obradoiro axustaron mellor o balance defensivo e a defensa de 1 contra 1 e eran capaces así de sacar as primeiras vantaxes no marcador grazas ás saídas de contraataque dominando o rebote no seu taboleiro, collendo unha renda de 16 puntos ao descanso do encontro (48-32).

Tras o paso polos vestiarios, o Balidea Obradoiro seguiu mantendo unha gran intensidade defensiva e un alto ritmo de xogo que os do Instituto Rosalía non eran capaces de manter, e abrindo cada vez mais a distancia no marcador ata o 86-45 final.

Xogaron e anotaron: Matías (8), Fran (8), Anxo (10), Pablo (7), Adrián (5), Berthold (22), Armel (14), Andrés (2), Yago (-), Fernando (8), Mateo (2).

Os parciais por cuartos foron: 26-21, 22-11, 20-9 e 18-4.

Cadete: Café Sabora Obradoiro

O Café Sabora Obradoiro faise cunha nova vitoria ante Peleteiro (76-36)

Vitoria clara do Café Sabora Obradoiro no partido de volta da semifinal ante Peleteiro, o que permite aos xogadores pasar á final da Liga santiagesa, onde se enfrontarán a Compañía de María.

O partido comezou moi igualado, con nervios por parte dos dous equipos e con igualdade no marcador chegando ao final do primeiro período cun 15-11 para os locais.

O segundo cuarto empezou cos do Café Sabora Obradoiro endurecendo a defensa, aumentando a presión na subida do balón, provocando así as primeiras canastras fáciles para rematar o cuarto cun triplo desde o medio do campo que abría unha distancia de 14 puntos para chegar ao descanso (39-25).
O terceiro cuarto arrincou cos visitantes defendendo en zona buscando cambiar o ritmo do partido, e nos primeiros minutos provocaron algúns problemas no ataque local, pero non se movía a distancia no marcador debido á gran defensa dos obradoiristas. Os locais comprenderon como atacar a zona e romperon o partido cun 10-0 de parcial que provocou a ruptura total no marcador (56-28).

No último cuarto os visitantes baixaron os brazos e os obradoiristas seguiron coa súa defensa ata o último segundo provocando que a vantaxe no marcador se ampliase ata o marcador final 76-36.

Para a semana o Café Sabora Obradoiro xogarase a final da Liga de Santiago contra os mozos de Compañía de María, nun duelo que se prevé moi igualado.

Anotaron e xogaron: Carlos (2), Pablo Cutrín (8), Román (3), Joel (15), Roque (12), Matías (11), Alex (12), Armel (10), Pablo Seoane (3), Mauro e Víctor.

Cadete: Obradoiro CAB

O Obradoiro CAB vence ao Instituto Rosalía Fedesa no partido de volta (83-63)

O Obradoiro CAB desputou o encontro de volta ante o Rosalía Fedesa, no que lograron remontar os sete puntos de desvantaxe que traían do partido de ida, disputado a pasada semana en Pío XII.

O encontro transcorreu igualado durante o primeiro cuarto, pero o ritmo defensivo dos locais rompeu o partido no segundo tempo levando o marcador ao redor dos 20 puntos de vantaxe.

A segunda parte foi un intercambio de canastras no que os visitantes foron incapaces de reducir a vantaxe no marcador.

Xogaron e anotaron: Víctor Ferro (10), Marcos (11), Iván (8), Fernando (6), Iago (15), Xoan (8), Hugo (2), Leo (7), Román Pérez (3) e Juan (13).

Infantil: Clínica Baltar Obradoiro

Dura derrota do Clínica Baltar Obradoiro ante o CB Tui na derradeira xornada da primeira fase (57-77)

O Clínica Baltar Obradoiro recibiu ao CB Tui na súa pista para desputar o encontro correspondente á derradeira xornada da primeira fase da Liga preinfantil do Srupo sur, no cal se enfrontaban o segundo contra primeiro clasificados: Obradoiro contra Tui.

O partido comezou como se prevía, con moita intensidade por parte dos dous equipos, onde o Clínicas Baltar Obradoiro comezou con mellor nivel de acerto, cun parcial inicial de 10-2. Despois dun tempo morto visitante, o Obra seguiu cunha boa intensidade, roubando varios balóns en campo ofensivo e con boas accións en ataque. Pola contra, Tui tamén comezou a elevar o nivel de acerto, con boas accións individuais, que servían para acercalos un pouco no marcador. O primeiro cuarto remataba 23-17.

No segundo cuarto, o CB Tui comezou con máis intensidade, cun bo parcial inicial, pero o Obra pronto conseguía voltar, a base dunha defensa acertada, a conseguir unha boa diferenza no electrónico. Os dous equipos estiveron máis desacertados de cara a canastra neste período.

Pese a comezar a segunda metade coa diferenza de 7 puntos ao seu favor, o Clínica Baltar Obradoiro comezou cunha debacle. Unha nula capacidade defensiva, problemas cos rebotes que non conseguiron dominar en todo o partido e unha saída fulgurante dos visitantes, fixo que os locais se viran claramente superados. Ademais, en ataque non saía nada, non entraba ningún tiro, mentres que os visitantes seguían con canastras sinxelas aumentando a súa diferenza.

Pese ao nefasto cuarto dos locais, aínda estaban en partido, comezando só 8 puntos por debaixo, pero parecía que ningún xogador estaba metido no partido.

Ninguén conseguía boas accións en ataque e, mentres, o CB Tui seguía aumentando a súa diferenza, aproveitando a falta de enerxía que demostraron os locais na segunda metade.

O resultado final foi de 57-77.

Infantil: Opticalia Obradoiro

Vitoria do Opticalia Obradoiro ante o ADB Fontiñas (80-30)

O Opticalia Obradoiro recibiu no pavillón Lorenzo de la Torre. Dende o primeiro momento comezou o Obra mandando no marcador, cun alto acerto no tiro exterior, tamén facilitado polo espazo que lle daba a defensa rival. Isto sumado a un desacerto continuo dos rivais fixo que o primeiro cuarto xa rematara cun contundente 18-6.

O segundo período comezou cun Opticalia Obradoiro algo máis estático en ataque e, en consecuencia, con problemas para anotar con tanta facilidade. Ademais estaban algo máis relaxados en defensa, pero co paso do cuarto, conseguiron axustar esta situación, e voltaron a anotar con facilidade. O parcial foi de 17-9.

A segunda metade seguiu o mesmo guión, acrecentando aínda máis se cabe debido ao baixo número de xogadores rivais, o que fixo que se notara o cansancio, e unha certa deixadez pola súa parte ao verse tan superados no marcador. Os parciais do terceiro e último cuarto foron de 21-8 e 24-7, chegando a unha diferenza de 50 puntos entre os dous equipos a falta de tres minutos para rematar o encontro, quedando o marcador conxelado en 80-30.