Crónicas canteira Obradoiro CAB

Obradoiro CAB
Obradoiro CAB

Senior: Obradoiro Silleda

O Obradoiro Silleda reacciona demasiado tarde ante un serio Santo Domingo Betanzos (64-71)

O Obradoiro Silleda recibiu no pavillón César González Fares de Silleda a un Santo Domingo Betanzos que viña de perder o seu último encontro contra o Universidad de Valladolid e que chegaba coa necesidade de lograr unha vitoria para tratar de escapar dos postos de descenso.

Desde a primeira posesión os visitantes mostraron un gran ritmo competitivo que os obradoiristas non eran capaces de igualar. A falta de ritmo defensivo traducíase en falta de acerto en cómodas posicións de tiro nos primeiros instantes, permitindo aos de Betanzos lograr unha parcial inicial de 0-7. Despois dun tempo morto e varias rotacións, os locais freaban a sangría inicial, pero sen atopar a circulación de balón necesaria para conseguir fluidez ofensiva.

Pasaban os minutos e os erros defensivos dos obradoiristas permitían que o Santo Domingo Betanzos continuase ampliando a súa vantaxe, chegando ao descanso cun 25-37 ao seu favor.

Á volta de vestiarios, o Obradoiro Silleda chegou con outra imaxe. Unha clara melloría defensiva ía reducindo aos poucos as distancias, pero cada intento local por igualar o choque era contrarrestada por algunha acción de mérito dos visitantes.

Entrábase no últimos dez minutos cunha vantaxe de dez puntos para o Santo Domingo Betanzos, pero coa sensación de que os obradoiristas poderían entrar de novo no partido. E así foi. Un momento de acerto desde o triplo poñíaos a tan só catro puntos, pero cando mellor pintaba o encontro para os locais, de novo a dureza dos visitantes debaixo dos aro lapidou a remontada e permitiu que a vitoria se fose para Betanzos por un 64-71.

Os parciais por cuartos foron: 12-18, 13-19, 22-19 e 17-15.

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: A. Pérez (13), G. Jofresa (12), M. López (-), S. Eggertsson (3), R. García (14), V. Villadoniga (-), M. Fernández (4), M. Paz (-), A. Sow (-), J. Cal (15), E. Melini (-) e G. Arejolaleiba (3).

A próxima fin de semana, o Obradoiro Silleda viaxará ata Salamanca para medirse o sábado, a partir das 17:00 horas, ao USAL La Antigua.

Junior: Obradoiro Peleteiro

O Obradoiro Peleteiro volve de Tui cunha importante vitoria (67-102)

O Obradoiro Peleteiro visitou Tui nunha das saídas máis complicadas da 1ª División Junior e conseguiu voltar a Santiago coa vitoria (67-102).

Empezou o partido con máxima igualdade. Ambos equipos atopaban un gran acerto desde o perímetro e cun elevado nivel de contacto en defensa. Foi o equipo local quen logrou as primeiras vantaxes na metade do primeiro cuarto, pero posteriormente o Obradoiro Peleteiro empezou a subir niveis en defensa para anotar canastras fáciles ao contraataque.

Durante o segundo cuarto a tónica mantívose, pero neste os obradoiristas sufriron moito máis debido ao gran número de faltas persoais que permitía ao C.B. Tui sumar demasiados puntos desde o tiro libre. Isto, unido a un mal traballo no rebote defensivo deixou aos locais manterse no partido. Con todo, un refacho final neste segundo cuarto, permitiu aos obradoiristas afastarse no marcador e chegar ao descanso cunha vantaxe de 29-45.

Na segunda parte, o Obradoiro Peleteiro atopou o seu mellor nivel de xogo: controlando moito mellor o rebote defensivo e acertando desde o triplo, foron capaces de aumentar a vantaxe e entrar nos últimos minutos co partido controlado.

Unha gran circulación de balón contra a defensa zonal do C.B. Tui axudou aos visitantes a seguir ampliando vantaxes e pechar unha nova vitoria por un claro 67-102.

Os parciais por cuartos foron: 13-19, 16-26, 19-31 e 19-26.

O próximo partido será o sábado 7 de Marzo ás 10:00 ante Ensino Lugo en Montouto.

Junior: Grupo Caeiro Obradoiro Ames

O Grupo Caeiro Obradoiro Ames cae no partido de ida fronte ao C.B. Noia (86-81)

O Grupo Caeiro Obradoiro Ames mediuse no pavillón Alonso Rodríguez ao C.B. Noia no encontro de ida da fase final da 2ª División Junior.

Arrincou o partido cun claro dominio debaixo dos taboleiros dos locais que, grazas ás constantes segundas opcións nas súas posesións, lograron manter unha mínima vantaxe de tres puntos ao seu favor.

Co paso dos minutos, os obradoristas foron capaces de reducir a diferenza na parcela reboteadora, pero o gran nivel defensivo do seu rival impedíalles chegar a xogar a campo aberto, obrigándolles a xogar constantemente en media pista.

Na segunda parte viuse o mellor nivel dos visitantes, pero sen o acerto necesario para abrir a zona 3-2 exposta polos locais. A pesar disto, os obradoiristas conseguían forzar ata dúas prórrogas para acabar cedendo nos últimos instantes por un 86-81 que deixa a eliminatoria aberta para o partido de volta, o vindeiro domingo, a partir das 12:00 horas, no pavillón de Pontepedriña.

Cadete: Balidea Obradoiro

O Balidea Obradoiro comeza con vitoria a fase polo título da Liga na súa visita ao Vistaoptica Basket School de Ferrol (57-85)

O partido comezou cun ritmo moi alto por parte dos dous equipos, con bo acerto e constantes intercambios de canastras, para chegar ao final do primeiro cuarto cunha vantaxe de dous puntos no marcador para o equipo local (23-21).

No segundo cuarto, o Balidea Obradoiro, que non estaba nin de preto no seu mellor nivel defensivo, comezou a apretar en defensa, dominando os rebotes en ambos taboleiros, e con saídas de contraataque para non deixar colocar a defensa zonal dos ferroláns. Isto sumado ao bo acerto en posicións de tiro e á boa circulación de balón, facía que fosen capaces de irse ao descanso con vinte puntos de vantaxe no electrónico (28-48).

Tras o paso polos vestiarios, o Balidea Obradoiro saíu decidido a romper o partido e continuou cun altísimo ritmo de xogo que os de Basket School non podían soster e remataron o terceiro cuarto cun marcador de 39-75.

No último cuarto, os locais seguiron plantándolle cara ao partido e cun xogo vertical a canastra, sacaron moitas faltas para sumar e acortar distancias desde a liña de tiros libres ata o 57-85 final.

Os parciais por cuartos foron: 23-21, 5-27, 11-27 e 18-11.

Xogaron e anotaron: Matías (9), Fran (3), Pablo (9), Adrián (3), Berthold (20), Armel (5), Andrés (8), Yago (3), Fernando (15) e Mateo (10).

Cadete: Café Sabora Obradoiro

O Café Sabora Obradoiro consegue unha nova vitoria na pista de Peleteiro (57-65)

O encontro comezou cunha gran facilidade anotadora por parte dos locais, que anotaron 23 puntos no primeiro cuarto.

Aos poucos, os obradoiristas foron capaces de aumentar o seu nivel defensivo, deixando que o equipo local anotase só 10, 11 e 13 puntos no resto dos cuartos.

Isto permitiu aumentar a confianza dos obradoiristas de fronte ao aro e, por medio de boas saídas en contraataque e o bo acerto en posicións afastadas de tiro, conseguiron levarse o partido de ida das semifinais da Liga con un resultado de 57 a 65.

Parciais: 23-22, 10-11, 11-15 y 13-17.

Anotaron: Carlos (7), Pablo Cutrín (3), Román, Joel (6), Roque (12), Matías (7), Alex (11), Armel (13), Seoane (4) e Víctor (2).

Esta fin de semana xogarase o partido de volta na nosa pista o pase á final da Liga.

Cadete: Obradoiro CAB

O Obradoiro CAB cae na súa visita ao Instituto Rosalía Fedesa (73-66)

Partido baixo mínimos dos cadetes de primeiro ano que, debido ás múltiples baixas, provocou unha derrota axustada grazas a un arreón final que permite seguir con vida aos obradoiristas para o partido de volta, que se disputará esta fin de semana en Lorenzo La Torre.

Anotaron: Marcos (7), Iván (14), Fernando (4), Xoan (10), Hugo, Leo (9), Román Pérez (2) e Juan (18).

Marcador por cuartos:19-12, 13-16, 19-14 e 22-24.

Infantil: Cenor Obradoiro

O Cenor Obradoiro remata a primeira fase con vitoria ante o Maristas Lugo (49-61)

O encontro comezou cun primeiro cuarto escaso de ritmo e no que o Cenor Obradoiro aproveitou para sacar vantaxes no electrónico (4-12). Pero ao pouco, os obradoiristas perderon a intensidade e o Maristas Lugo reduciu distancias antes de finalizar o primeiro cuarto.

O Cenor Obradoiro estivo ausente no segundo cuarto, o que permitiu que os locais anotasen con moita facilidade, dándolle a volta ao marcador e poñéndose 9 puntos por riba (29-20). Tras un tempo morto, os visitantes reaccionaron e, en tan só un minuto, reduciron a distancia ata o 31-30 no descanso.

No terceiro período, os obradoiristas continuaron con intensidade en defensa, dándolle a volta ao marcador grazas a contraataques e un xogo de conxunto.

O desacerto de fronte ao aro dos obradoiristas, que non eran capaces de anotar con facilidade, permitiu seguir con vida aos locais, pero o encontro rematou con vitoria para o Cenor Obradoiro.

Anotaron: André (9), Román A. (4), Iago (16), Xoan (6), Alfie (4), Matías (8), Fernando (6), Leo (2), Juan, Román Pérez (4) e Gonzalo.

Marcador por cuartos: 10-14, 21-16, 6-16 e 12-15.