O Cadete B asalta o liderado no parón de Entroido

O Xuvenil B e ambos infantís tiveron dobre cita nestas xornadas festivas

O parón festivo polo Entroido viviuse de distinta maneira para os diferentes equipos da base da SD Compostela. Mentres en fútbol-8 e nas ligas Galegas, os pequenos tiveron descanso completo, os conxuntos de Autonómica de fútbol-11 tiveron mesmo ata dobre cita nestas xornadas, recuperando nelas os seus partidos aprazados do temporal de decembro.

En primeiro lugar, en Liga, o SD Compostela-Zona Vella igualou na súa visita ao Amio, un derbi que non se decantou para ningún contendente a pesar da insistencia de ambos. O tanto de Pedro Leis, no primeiro minuto de xogo, puxo o encontro de cara para os branquiazuis, pero os locais conseguiron empatar no 71 e o marcador xa non se movería máis. Con este punto, os nosos seguen no sexto lugar, aínda que observan como aos poucos escápase o líder.

Posteriormente, o martes, na Copa do Sar, na que defendía título, o filial despediuse da competición tras caer na quenda de penaltis contra o Camporrapado. Os nosos, que se puxeron por diante ao descanso con dous goles de vantaxe, obra de Bruno Pouso e Antón Olveira, viron como os locais lles igualaban no segundo acto e despois caeron na quenda fatídica por 4-3. Agora centrarán todos os seus esforzos na liga para pelexar polo ascenso.

Tamén tivo dobre cita un Xuvenil B que sumou un triunfo e unha derrota. O sábado, os branquiazuis volveron á senda triunfal, despois de moito tempo, co seu triunfo ante o Atlético Fátima por 5-0. O dobrete de Sergio García e os goles de Anxo Ferro, Mario Santamaría e Rubén Gesto permitíronlle sumar tres puntos moi importantes para manter a categoría. Pola súa banda, onte, caeron pola mínima, 4-3, ante o Amio, terceiro na súa Liga. Óscar Remuiñán, Juan Amigo e Hugo Martínez mantiveron o duelo en albas ata o final.

A mellor noticia da fin de semana foi o contundente triunfo por 1-5 do Cadete B no duelo de colíderes do Grupo 5 da Segunda Autonómica. Os canteiráns compostelanistas que xa viñan de superar entre semana ao San Pedro, recuperaron a xornada aprazada cun sobresaínte. Dirixidos por Richi Castiñeiras, mostraron o seu poderío desde o inicio ante o Burgo das Nacións, e como proba diso foron as dúas dianas anotadas no primeiro cuarto de hora. Pablo Granja e Christian Figueiras puxeron o marcador franco nese tempo, o cal se completou coa réplica de Granja no segundo acto e o dobrete final de Joel Rolf Seoane. Agora, os nosos avantaxan en tres puntos, precisamente, ao seu rival e en cinco ao terceiro clasificado, o Dubra SD.

E por último, en infantís, a cita tamén foi dobre en ambos casos. Por unha banda, o Infantil A sumou un triunfo e unha derrota mentres que o Infantil B colleitou un empate e unha derrota. O combinado de Primeira Autonómica superou en primeiro termo ao AD Nicrariense por 0-8. Álvaro Espasandín marcou dous tantos, mentres que Lois Lortes, Anxo Fuentes, Leo González, Mauro Rivadulla, Enrique José Bóveda e Diego Iglesias anotaron un por cabeza. Mentres, onte caeron por 1-4 ante o Amio, conxunto que o adianta na táboa, aínda que cos mesmos puntos. Leo González anotou o tanto para os nosos, antes da remontada visitante. O de Segunda, que segue na cuarta praza, perdeu contra o Amio B por 6-1, nun duelo no que non lle saíu nada, sendo Yago Vilariño, de penalti, o autor do tanto da honra; e empatou 4-4 contra o Cire Melide B, nun partido no que tivo que remontar un mal inicio. Yago Vilariño, un tanto en propia e Xan Moure equilibraron a primeira vantaxe visitante, mentres que Giovanny Gallo fixo o propio nos últimos compases para sumar, polo menos, un punto.

Ademais, nesta categoría, un dos seus xogadores, Hugo Vilaseco logrou o luns, en Ponteceso, o Campionato Galego de Seleccións Comarcais Sub-13, integrando o plantel de Santiago que superou na final 1-4 a Pontevedra, logo dun fantástico torneo.