Crónicas canteira Obradoiro CAB

Obradoiro CAB

Senior: Obradoiro Silleda

O Obradoiro Silleda cae na súa visita a Ávila tras unha desacertada segunda parte (85-71)

O Obradoiro Silleda enfrontouse a un dos favoritos para o ascenso, un Ávila Auténtica Carrefour El Boulevar que tan só perdeu un encontro como local en toda a tempada e que chegou nun gran momento de forma con cinco vitorias consecutivas.

Arrincou o encontro cun gran nivel defensivo por parte dos obradoiristas, pero con demasiada precipitación ofensiva que concedía ao seu rival demasiadas oportunidades para anotar en transición. Desde o salto inicial o gran número de contactos preto de aro facía que as vías de anotación a media pista fosen escasas para ambos os equipos.

Pasaban os minutos e o encontro evolucionaba a intervalos. Un claro parcial ao comezo do segundo cuarto a favor do Ávila a través de segundas oportunidades e un par de tiros exteriores eran rapidamente contestados polos obradoiristas cun gran esforzo defensivo.

Os visitantes eran capaces de atopar claras vías de anotación nestes últimos instantes do segundo período para irse seis puntos por arriba a falta de poucos segundos. Con todo, dúas perdas en accións claras transformábanse en dous triplos locais para chegar ao descanso cun 46-46.

Á volta de vestiarios, os locais foron capaces de pechar aínda máis a súa zona, aumentando considerablemente a súa dureza preto de canastra e bloqueando calquera penetración rival. O Obradoiro Silleda mantivo nos primeiros minutos unha moi boa circulación de balón pero o baixo acerto de fronte ao aro provocou que o seu rival acabase acadando dez puntos de vantaxe a falta de cinco minutos para o final.

Os últimos minutos do último cuarto foi un constante intento por volver ao partido por parte dos visitantes, pero a vantaxe ao seu favor outorgaba aos locais unha tranquilidade que lles permitiu endosar unha nova derrota aos obradoiristas e rematar o encontro cun 85-71 ao seu favor.

Os parciais por cuartos foron: 22-20, 24-26, 17-11 e 22-14.

Por parte de Obradoiro Silleda anotaron: A. Pérez (8), G. Jofresa (4), M. López (2), S. Eggertsson (13), R. García (14), V. Villadoniga (-), M. Fernández (12), G. González (2), M. Paz (2), A. Sow (4), J. Cal (3) e E. Melini (7).
A próxima fin de semana o Obradoiro Silleda volverá xogar na súa pista, recibindo o domingo, a partir das 17:30 horas en Silleda ao Santo Domingo Betanzos co obxectivo de volver cultivar un novo triunfo.

Junior: Obradoiro Peleteiro

O Obradoiro Peleteiro segue sumando vitorias tras vencer ao Bosco Salesianos de Ourense (100-53)

O Obradoiro Peleteiro recibiu en Montouto ao Bosco Salesianos de Ourense, conseguindo una vitoria máis para o seu casilleiro (100-53).

O encontro comezou moi complicado para os obradoiristas, perdendo varios balóns ante unha defensa ben traballada do Bosco, facendo que levasen as primeiras vantaxes do partido.

Tras un tempo morto, o Obradoiro Peleteiro espertou, atopando varias canastras preto do aro, volvendo así a igualar o partido. Grazas a ese acerto, o equipo de Ourense non foi capaz de atopar moitas vantaxes en transición e o Obra chegou ao descanso cunha vantaxe ampla no marcador.

A pesares desta vantaxe, os obradoiristas non baixaron o ritmo no segundo tempo. Cun gran arranque no terceiro cuarto, o equipo atopou a súa mellor versión en ambos lados da pista, deixando ao rival con moi poucas oportunidades claras para anotar e sumando puntos fáciles ao contraataque. Tamén destacou o traballo no rebote ofensivo, onde o Obradoiro Peleteiro foi claramente dominante.

Os parciais por cuartos foron: 26-13, 24-15, 29-12 e 21-13.

A próxima fin de semana, o Obradoiro Peleteiro visitará a sempre complicada pista do C.B. Tui, o sábado a partir das 16:00 horas.

Cadete A: Balidea Obradoiro

O Balidea Obradoiro remata a primeira fase invicto tras vencer ao Bosco Salesianos na súa visita a Ourense (49-69)

O Balidea Obradoiro desprazouse a Ourense para disputar o último partido da Liga Galega grupo Sur.

O partido comezou cos locais mais entoados en ataque, circulando ben o balón despois de conseguir vantaxes desde o 1×1 sobre bote, e atopando así boas posicións de tiros liberados e con boa porcentaxe de acerto. O primeiro cuarto rematou 14-15.

Os obradoiristas non estiveron cómodos no partido durante toda a primeira metade, pero continuaron intentando anotar en ataques rápidos e facéndose fortes no rebote, pero os de Bosco seguían agarrados ao partido a base do bo acerto exterior, chegando ao descanso con mínima vantaxe para o Balidea Obradoiro (29-30).

Tras o paso polos vestiarios, o Balidea Obradoiro conseguiu conter mellor os 1×1 dos locais, impedindo así que xerasen xogo desde o bote e desta maneira complicar a principal vía de anotación dos ourensáns. Ademais, subiron o ritmo do partido e melloraron o acerto do tiro exterior. Tras catro posesións de bos ataques e defensas agresivas, lograron abrir vantaxe no marcador.

De alí ao final, os de Santiago foron capaces de manter e controlar o ritmo de xogo para chegar ao marcador final de 49-69.

Así, o Balidea Obradoiro acaba a primeira fase da Liga Galega grupo Sur invicto cun balance de 14 vitorias e 0 derrotas.

Os parciais por cuartos foron: 14-15, 15-15, 9-24 e 11-15.

Xogaron e anotaron: Matías (7), Fran (16), Anxo (10), Pablo (12), Roque (-), Adrián (-), Ferreiro (-), Armel (6), Andrés (1), Díaz (-), Fernando (16), Mateo (1).

Infantil A: Cenor Obradoiro

O Cenor Obradoiro faise coa vitoria ante o Estudiantes de Lugo Leyma Natura tras un partido igualadísimo (79-76)

O Cenor Obradoiro conseguiu facerse coa vitoria ante o Estudiantes de Lugo Leyma Natura, nun encontro que se decidiu na prórroga grazas ao traballo defensivo dos obradoiristas (79-76).

O encontro comezou cun intercambio de canastras entre ambos equipos ata que, o dominio do rebote ofensivo por parte dos lucenses cambiou o signo do marcador, dando as primeiras vantaxes aos visitantes (11-16).

No segundo período, os locais impuxeron o seu ritmo defensivo no 1×1 e pecharon o rebote defensivo, dando a volta ao marcador e alcanzando vantaxes de arredor de 10 puntos, chegando ao descanso cun 37-30 no luminoso.

O paso polos vestiarios sentou mellor aos de Lugo que, aos poucos, volvían a dominar o rebote, achegándose no marcador ao final do terceiro período (51-48).

Unha mala saída no último período deu a volta no marcador e os lucenses levaron a iniciativa no luminoso entre 4 e 8 puntos ata que, a falta de tres minutos para rematar, o Cenor Obradoiro perdía por 8 puntos (56-64). Pero nese momento os locais apertaron en defensa, provocando varias perdas na subida de balón e anotando canastras fáciles. Nun final de infarto o partido chegou igualado aos últimos segundos no que ningún dos dous equipos foi capaz de anotar, chegándose ao final dos 40 minutos con empate a 66.

A prórroga foi un continuo intercambio de canastras no que os santiagueses demostraron ter mais temperanza nas posesións finais, conseguindo unha vitoria que referenda o primeiro posto nesta primeira fase.

Anotaron: Román Aldrey (4), Pepe (4), Iago (19), Xoan (5), Alfie (18), Matías (10), Fernando (11), Hadrían (3), Leo e Román Pérez (5).

Marcador por cuartos: 11-16, 26-14, 14-18, 15-18 e 13-10.