O Cadete A recorta diferenzas polo ascenso e dobrete en infantís

Os de Iván Carril sumaron de tres na súa visita a Lugo e achéganse ao segundo posto

A xornada para as categorías inferiores da SD Compostela deixounos oito triunfos, un empate e seis derrotas.

Destacaron os resultados do Cadete A, que se achega á posición de ascenso directo, do Cadete B, líder aínda que cun partido máis, o dobrete dos infantís e dos biberóns, e o triunfo do Benxamín A, segundo clasificado.

En primeiro lugar, o SD Compostela-Zona Vella baixou posicións na táboa clasificatoria, logo de caer no seu feudo ante o Villestro. Un tanto nos primeiros compases do choque marcou o duelo, no que os branquiazuis non tiveron a fortuna de cara para enviar a pelota ao fondo das mallas.

Dun modo moi similar, aínda que como visitantes, o Xuvenil A encaixou a segunda derrota do 2020. Un tanto no minuto 7 decidiu a contenda a favor da SD Residencia (1-0), na estrea da segunda volta. Con todo, froito do seu bo facer anterior, mantén cinco puntos de renda sobre o segundo clasificado. No outro lado da balanza, nesta ocasión, o Xuvenil B si sumou os tres puntos, distanciándose dos postos máis baixos, tras superar por 1-5 ao Xuventú Aguiño. Zubo Yang, Hugo Martínez, Gerardo Lago, Rubén Xesto e Yago Maroño permitiron o triunfo dos nosos despois de moitas xornadas.

Si tivo maior fortuna na súa saída a Lugo, o Cadete A capaz de superar á SCD Milagrosa por 1-2. Os xogadores de Iván Carril demostraron experiencia para levar un duelo complicado que dominaron de punta a cabo. Xaime Paz e o pichichi Iker Carril puxeron unha vantaxe que os locais só puideron recortar no desconto. Cos tres puntos seguen terceiros, aínda que queda a tan só un do segundo, o EFM Boiro, posto de ascenso directo.

Igualmente, o Cadete B superou por 0-1 ao Bertamiráns C, co solitario tanto de Asier Guldris ao comezo.

Cun partido máis que os seus inmediatos perseguidores, os branquiazuis volven ao máis alto da táboa. Por contra, o Cadete C caeu por segunda xornada consecutiva, co mesmo resultado (4-0), esta vez, ante o segundo, o EF Silleda.

En infantís, os canteiráns do Compos lograron un sensacional dobrete como locais. O Infantil A, que marcha terceiro, superou por 9-1 ao ED de Vedra, cun póker de goles de Leo González, referendado con outro tanto en propia porta e os de Álvaro Espasandín, Pablo Devesa, Mauro Cribeiro e Enrique José Bóveda. Mentres tanto, o Infantil B, tamén no terceiro chanzo da súa liga, venceu por 7-4 ao Racing San Lorenzo. Senllos hat tricks de Juan Manuel Millán e Yago Vilariño, sumado ao gol de Daniel Varela, certificaron un novo éxito dos nosos.

Xa en fútbol-8, o Alevín A caeu pola mínima (1-2) ante o Villestro, que o supera na clasificación, mentres que o Alevín C viuse superado polo líder, o AD Nicrariense B. Despois, o Benxamín A mantén a súa segunda posición tras vencer pola mínima ao Bertamiráns C, ao que afasta na liga. Pola súa banda, o Benxamín B empatou contra o Peleteiro B. E en prebenxamíns, ambos pecharon a primeira fase da liga con derrotas. O Prebenxamín A caeu ante o Victoria, perdendo a terceira praza, e o Prebenxamín B tamén perdeu contra o Atlético Fátima.

Por último, en fútbol sala, o Biberón A, gañando por 3-1 ao Amio, e o Biberón B, superando por 2-1 ao Victoria, sumaron un gran dobrete.