Crónicas canteira Obradoiro CAB

Senior: Obradoiro Silleda

O Obradoiro Silleda recupera as súas mellores sensacións na visita a León (69-106)

O Obradoiro Silleda visitou o Pavillón Municipal dos Deportes de León na procura de recuperar sensacións e volver á senda do triunfo.

A fame de todo o equipo viuse desde o salto inicial, cun tremendo ritmo de xogo que lles fixo anotar ata 34 puntos nos primeiros dez minutos.

O bo nivel defensivo e o seu dominio do rebote permitiulles xogar a campo aberto e o seu acerto desde máis aló do 6,75 fixo que dominasen o xogo.

Co paso dos minutos o ULE Basket León foi subindo o seu nivel físico, pechando a súa pintura e xerando en ataque a través da súa nova incorporación, que debutaba neste encontro contra os obradoiristas.

Xa na segunda parte os locais seguían loitando por reducir as distancias e os obradoiristas mantíñanse tratando de xerar desde o poste baixo, pero ningún dos dous equipos era capaz de facerse co control do partido.

Pero de novo, grazas ao seu nivel defensivo e ao dominio no rebote, o Obradoiro Silleda ampliou a vantaxe no marcador, e o xogo en transición axudoulles a atopar mellores posicións de tiro, certificadno así un gran triunfo cun marcador final de 69-106.

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: A. Pérez (8), G. Jofresa (25), B. Losada (-), M. Lopez (-), S. Eggertsson (15), R. García (11), V. Villadoniga (8), M. Fernández (9), M. Paz (10), A. Sow (8) e E. Melini (12).

Os parciais por cuartos: 21-34, 21-20, 17-21, 10-31.

A fin de semana que vén, o Obradoiro Silleda recibirá o domingo, ás 17:00 horas, no Pavillón Cesar González Fares de Silleda, ao Calvo Basket Xiria.

Junior 1ª div: Obradoiro Peleteiro

O Obradoiro Peleteiro faise coa vitoria na súa visita a Allariz (53-87)

O Obradoiro Peleteiro visitou esta fin de semana a pista do Allariz, nun encontro que comezou cos obradoiristas moi sólidos en todos os aspectos do xogo, anotando tres triples no primeiro minuto e medio de xogo, deixando ao seu rival en tan só 9 puntos nos primeiros dez minutos.

O segundo cuarto foi moito máis igualado. Os obradoiristas non atopaban acerto desde o perímetro e, de súpeto, deixaron correr aos de Allariz, que anotaron tres canastras fáciles a campo aberto.

Á volta do descanso o Obradoiro Peleteiro saíu do vestiario moi centrado en dominar o ritmo do xogo, cun gran movemento de balón e xerando a través dos seus interiores. Este gran xogo ofensivo, unido a unha sólida defensa, provocou que volvesen ampliar as vantaxes e deixar o partido sentenciado a falta de dez minutos.

O derradeiro cuarto foi de novo igualado, con ambos equipos atopando vantaxes ofensivas e sen capacidade para frear ao seu rival, facendo que nos instantes finais houbese un intercambio de canastras que acabou beneficiando ao Obradoiro Peleteiro, que consegue un novo triunfo por 53-87.

Os parciais por cuartos foron: 9-24, 14-17, 11-27 e 19-19.

O próximo partido do Obradoiro Peleteiro será o sábado 1 de febreiro, ás 10:00 horas, ante Academia “COPS” Basket Ferrol no pavillón de Montouto.

Junior 2ª div: Grupo Caeiro Obradoiro Ames

O Grupo Caeiro Obradoiro Ames remata a fase de grupos cunha vitoria ante Nucamsa Basketdeza de Lalín (48-74)

O Grupo Caeiro Obradoiro Ames visitou o Pavillón Municipal de Lalín para enfrontarse ao Basketdeza na última xornada desta primeira fase.

Desde o salto inicial, os locais impuxeron a súa presenza física baixo os aros, dominando o rebote en ambos os lados da pista e impedindo aos obradoiristas xogar en campo aberto en toda a primeira parte.

O Basketdeza era capaz de controlar o ritmo do xogo a través da súa defensa zonal 2-3. Pasaban os cuartos e a igualdade mantíñase no marcador.

Na segunda metade mantíñase a mesma tendencia, pero aos poucos os obradoiristas foron logrando unha mellor circulación de balón e un maior nivel defensivo, que remataría por dar un salto de nivel no últimos dez minutos. Foi neste último período cando o Grupo Caeiro Obradoiro Ames mantivo o seu mellor nivel en ambos os lados da pista, controlando por fin o seu rebote defensivo e anotando ao seu rival un parcial de 4-27 que lles permitiu levar a vitoria final por un 48-74.

Os parciais por cuartos foron: 15-18, 13-12, 16-17 e 4-27

Cadete 1ª div.: Balidea Obradoiro

O Balidea Obradoiro continúa contando os partidos por vitorias tras vencer ao CB Tui (94-53)

O Balidea Obradoiro continúa na senda da vitoria tras recibir ao CB Tui na súa pista e conseguir a vitoria.

O partido empezou cos de Tui moi entoados en ataque, conseguindo tiros cómodos desde a distancia, anotando 10 puntos nos primeiros 3 minutos de xogo, que obrigaba aos locais a buscar solucións, substituíndo aos 5 xogadores en pista.

A partir de aí, os obradoiristas apretaron en defensa e conseguiron correr en contraataques, deixando aos visitantes nos mesmos 10 puntos ao final do cuarto (22-10).

No segundo cuarto o partido seguiu controlado polos locais que dominaban o rebote en ambos lados da pista e marcaban o ritmo de xogo chegando ao descanso con 51-21 no marcador.

Na segunda metade, os do CB Tui non perderon a cara ao partido e, xogando un baloncesto alegre con moito ritmo e tiros de 3 puntos, conseguiron unha boa serie de tiros anotados (5 triplos no cuarto) que lles daba para recortar a renda en 4 puntos, conseguindo gañar o terceiro cuarto cun parcial de 16-20 no seu favor.

No último cuarto, os locais volveron apertar e controlar defensivamente a comodidade para lanzar de tres puntos dos visitantes, e volveron estirar as distancias ata o 94 – 53 final.

Resultados por cuartos: 22-10, 29-11, 16-20 e 27-12.

Xogaron e anotaron: Matías (12), Fran (5), Anxo (20), Pablo (9), Adrián (10), Ferreiro (2), Armel (12), Andrés (4), Díaz (2), Fernando (14), Mateo (4).

O Café Sabora Obradoiro faise coa vitoria no partido ante o CB Noia Autos Patiño (37-85)

Cadete 2ª div: Café Sabora Obradoiro

O Café Sabora Obradoiro conseguiu unha nova vitoria na pista do CB Noia Autos Patiño, nun encontro que comezou frío por parte dos obradoiristas, aos que lles costou concentrarse.

Enseguida conseguiron impoñer o seu ritmo defensivo grazas aos roubos de balón, que lles permitía correr transicións rápidas que remataban en canastras fáciles. Así, romperon o encontro xusto despois do descanso cun parcial de saída de 10-0.

A próxima fin de semana, o Café Sabora Obradoiro xogarase o primeiro posto da Liga contra o Peleteiro.

Resultado por cuartos: 8-12, 11-21, 8-36 e 10-14.

Xogaron e anotaron: Carlos (7), Pablo Cutrín (2), Román (6), Joel (8), Roque (6), Iago (8), Matías (15), Alex (11), Pablo Seoane (12), Fernando (6), Mauro (2), Víctor (2).

Cadete 2ª div: Obradoiro Cab

Derrota para o Obradoiro CAB ante o AD Basquet Ames (55-60)

Partido moi igualado o disputado polo Obradoiro CAB ante o AD Basquet Ames, que se decantou polos pequenos detalles a favor dos visitantes.

O encontro comezou cos locais máis enchufados, o que lles permitiu grazas ao dominio do rebote levar a iniciativa no electrónico con pequenas rendas.

Despois do descanso, os visitantes comezaron a cargar con maior intensidade o rebote ofensivo, dando máis tiros ao seu equipo, permitíndolles dar a volta ao marcador e que conseguisen a vitoria.

Con esta derrota, os cadetes de primeiro ano rematan esta fase na terceira posición á espera dos cruces co outro grupo.

Resultado por cuartos: 15-10, 16-15, 12-18 e 12-17.

Xogaron e anotaron: Víctor (22), Marcos (4), Iván (2), Fernando (6), David, Brais (11), Álvaro (2), Anxo (2), Juan (6).

Infantil: Cenor Obradoiro

Nova vitoria para o Cenor Obradoiro na visita do Basquet Coruña (69-18)

Gran vitoria para os infantís do Cenor Obradoiro na súa pista ante o Basquet Coruña.

Os obradoiristas mostraron a súa superioridade dende o salto inicial, impoñendo un altísimo ritmo de xogo tanto en defensa como en ataque, que permitía aos locais anotar e xogar con moita fluidez. O dominio do rebote permitiu ao Cenor Obradoiro anotar con facilidade.

A próxima fin de semana, o Cenor Obradoiro visita a sempre difícil pista do Oleiros.

Resultado por cuartos: 19-6, 33-6, 17-6, –.

Xogaron e anotaron: André (7), Román (6), Pepe (8), Iago (4), Xoan (2), Alfie (8), Fernando (16), Leo (12), Román Pérez (2).

Preinfantil: Clínica Baltar Obradoiro

Gran partido do Clínica Baltar Obradoiro, que lle permitiu facerse cunha vitoria ante o Seis do Nadal (52-54)

O pavillón de Sárdoma (Vigo) acolleu un dos mellores partidos da xornada da Liga Preinfantil, no que o Clínica Baltar Obradoiro visitou ao Seis do Nadal.

O encontro caracterizouse pola igualdade, cunha gran actividade por parte dos dous equipos, tanto en ataque como en defensa. Un intercambio inicial de canastras, cun Obra anotando preto do aro, e o Seis do Nadal dende a longa distancia. O primeiro cuarto rematou cun 15-16 no marcador.

No segundo período, o Obra conseguiu meter unha marcha máis ao partido e os locais non foron capaces de aguantar o alto nivel de intensidade, en defensa e en ataque, xa que un bo traballo atrás facilitou bos ataques rápidos chegando con superioridade e resolvendo con acerto. O parcial do segundo cuarto foi de 10-17.

Pese a saír do descanso cunha vantaxe de 8 puntos, o Clínica Baltar Obradoiro non soubo aproveitala e comezou cun parcial a favor dos locais de 7-0, provocando un tempo morto visitante. Os obradoiristas melloraron un pouco as súas prestacións, sobre todo subindo o ritmo en defensa que freaba o ataque dos vigueses, pero cun desacerto en ataque que facía que o cuarto rematara favorable ao Seis do Nadal, cun parcial de 14-11.

No derradeiro cuarto o Obra fixo un traballo espectacular a nivel de esforzo. Ninguén daba un balón por perdido, pero esta gran actitude non era recompensada con puntos, e moitos erros que na primeira parte eran en canastras seguras, facían que pouco a pouco os locais se acercaran no marcador, ata chegar a un final co Obra poucos puntos arriba no marcador.

Finalmente, o partido remataba cunha canastra local, que poñía a dous puntos a diferenza favorable ao Obra, pero o marcador non se movería máis (52-54).

Infantil B: Opticalia Obradoiro CAB

Derrota para o Opticalia Obradoiro ante o Basquet Ames nun encontro igualado ata os compases finais (45-50)

O Opticalia Obradoiro recibiu no seu pavillón ao Basquet Ames, no primeiro encontro da segunda volta de Liga.

O encontro estivo marcado pola falta de acerto por parte dos dous equipos dende o inicio. Neste intercambio de erros comezaron collendo vantaxe os visitantes, aínda que dous triples acercaron ao Obra no inicio, un Obra que se viu mermado polas baixas e algúns xogadores que non estaban nun estado óptimo de forma, e isto notouse durante todo o partido. O primeiro cuarto rematou cun parcial de 11-13.

No segundo período aínda houbo máis desacerto por parte dos dous equipos. O Opticalia Obradoiro xogaba atopando boas accións, pero errando á hora de definir de cara ao aro. Pese a esta falta de puntos, o Obra remontaba o partido, fundamentándose nunha defensa dura, asegurando máis rebotes dos normais e rematando o cuarto cun parcial de 11-9.

No inicio da segunda metade, houbo unha subida de anotación, lixeira, pero que beneficiou aos obradoiristas, que conseguían poñerse por diante, fundamentándose nun gran esforzo para aguantar o resultado e seguir competindo, cun ataque algo lento, pero unha boa actividade defensiva. O cuarto rematou 14-12.

Pese a atoparse por diante e seguir así durante os primeiros minutos do período, o cansanzo comezou a facer estragos nun Obra que xa non tiña esa actividade atrás, que sumado aos continuos erros nos lanzamentos, facía que Basquet Ames comezara a abrir unha brecha no marcador que xa non conseguiría remontar o equipo local.
O resultado final foi de 45-50.