Xuvenil A e Cadete A levaron o derbi contra o Conxo pola mínima

Ambos están en postos de ascenso, os primeiros con seis puntos de vantaxe sobre o segundo

A xornada para as categorías inferiores da SD Compostela, non tan produtiva como as anteriores, deixou como nota positiva os triunfos pola mínima do Xuvenil A e Cadete A no derbi contra o Conxo B, resultados cos que se afianzan na praza de ascenso. Ademais, o Infantil B regresou á senda da vitoria para apertar aínda máis a clasificación, mentres que o Alevín C, Benxamín A e o Biberón A foron os outros que lograron os tres puntos.

En primeiro lugar, o SD Compostela-Zona Vella encadeou a súa segunda derrota consecutiva, ambas como visitante, na súa visita ao Cogalrodeiro. O filial branquiazul non tivo a súa mellor tarde e marchouse sen carga despois de que os locais anotasen o único gol do encontro pasada a hora de xogo.

Mellor sorte, e demostrando o seu gran estado de forma, tivo o Xuvenil A, asentado no liderado da Liga Galega e con xa seis puntos de marxe sobre o segundo clasificado, o Atlético Coruña, ao que reciben a próxima semana. Os branquiazuis, cunha gran solvencia defensiva, levaron o derbi contra o Conxo B por 0-1, mercé ao solitario tanto de Manuel Rivas, no minuto 58. Por contra, o Xuvenil B, tamén contra o primeiro clasificado da súa liga, o Bertamiráns, encaixou unha avultada derrota por 0-7.

Do mesmo xeito que os maiores, o Cadete A levou o duelo contra o Conxo B, que se disputou a continuación do dos xuvenís, por 2-3, cunha gran remontada final que lles permite volver saborear os tres puntos e manter a segunda posición na táboa, con dous puntos de vantaxe sobre o EFM Boiro e a catro do líder, o Deportivo B. Hugo Pérez adiantou aos nosos no minuto 51, remontaron a continuación os locais, pero o triunfo levárono os compostelanistas despois de que o pichichi Iker Carril, no 68, e Sergio Martínez, a dous para a conclusión, lle desen a volta ao luminoso. Nesta ocasión, na categoría cadete, non se puido vivir un pleno de vitorias, xa que o Cadete B encaixou a súa primeira derrota do curso, malia que mantén o liderado, na súa visita ao Dubra, terceiro clasificado. Os locais levaron o duelo por 4-0, aproveitando unha gran saída ao terreo de xogo, marcando dúas dianas nos primeiros cinco minutos.

O que si regresou á senda triunfal foi un Infantil B que, tras caer ante o Bastavales, superou ao Villestro C por 1-3, unha vitoria que os deixa como cuartos clasificados, pero empatados co segundo e terceiro e a un só punto do líder. Manuel Aboal, cun dobrete, e Dani Ouro selaron os tres puntos para os branquiazuis.

En fútbol 8, o Alevín A xogou un gran partido ante o Amio, pero caeu pola mínima, 1-0, nun duelo que enfrontaba ao primeiro contra o segundo. Mentres tanto, si puido consumar o seu segundo triunfo da tempada o Alevín C, despois de superar por 2-6 ao A Baña. En benxamíns, unha de cal e outra de area, xa que o Benxamín A sumou un claro triunfo contra o ED Santiago, para manterse como terceiros, mentres que o Benxamín B perdeu ante o Racing San Lorenzo. E, para rematar, o Prebenxamín A caeu ante o Conxo e o Prebenxamín B co ED Xuventude Oroso.

Por último, en fútbol sala, o Biberón A superou ao Cacheiras por 3-0, mentres que o Biberón B empatou na súa visita ao Club Melide Sala.