Crónicas canteira Obradoiro CAB

Senior: Obradoiro Silleda

A defensa penaliza ao Obradoiro Silleda na súa visita a Zamora (92-88)

O Obradoiro Silleda visitou o pavillón Ángel Nieto de Zamora na última xornada do 2019, nun encontro no que os obradoiristas non foron capaces de manter un óptimo nivel defensivo, nin tampouco lograr boas porcentaxes dende a liña de triplo nin tiro libre. Isto levou a que os obradoiristas cultivasen a súa terceira derrota no que vai de tempada.

Os visitantes marcaron o ritmo de xogo nos primeiros minutos do encontro, logrando rapidamente as primeiras vantaxes no electrónico, pero cometendo graves erros defensivos que permitían aos zamoranos entrar de cheo no partido.

Os locais crían por completo nas súas posibilidades e, cun xogo veloz e tremendamente vertical, castigaban constantemente aos obradoiristas a campo aberto ou desde a liña de tiros libres. As rotacións no banco obradoirista non servían para cambiar as sensacións do xogo e chegouse ao descanso cunha vantaxe mínima de 45-47.

Á volta de vestiarios, o Caixa Rural de Zamora subiu dúas marchas na súa velocidade de xogo e deixo totalmente estancados aos obradoiristas. A mellor noticia visitante era o regreso á competición tras máis de 500 días de Enrique Melini quen, tras unha longa e dura recuperación dunha rotura do ligamento cruzado anterior, daba un sopro de aire fresco ao Obradoiro Silleda para tentar volver competir o partido.

Con todo, as faltas persoais castigaban demasiado aos visitantes que, sen unha solidez defensiva suficiente e con demasiados erros en boas posicións de tiro, quedaban ás portas de levar o triunfo por un 92-88.

Os parciais por cuartos foron: 19-24, 26-23, 25-21 e 22-20.

Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: A. Pérez (6), G. Jofresa (10), B. Losada (13), M. López (5), S. Eggertsson (18), V. Villadoniga (-), M. Fernández (8), M. Paz (1), A. Sow (11), J. Cal (8), E. Melini (8) e G. Arejolaleiba (-).

A pesar da derrota, o Obradoiro Silleda acaba o 2019 cun balance de 8 vitorias e 3 derrotas que convidan a ser optimistas no obxectivo de manter a categoría e de poder seguir mellorando. O próximo encontro do Obradoiro Silleda será o domingo 12 de xaneiro no pavillón César González Fares de Silleda, fronte ao Noxtrum Xixón Basket.

Junior 1ª div: Obradoiro Peleteiro

O Obradoiro Peleteiro supera a tormenta con vitoria fronte ao CB Tui (101-60)

O Obradoiro Peleteiro recibiu esta fin de semana a un dos conxuntos máis duros da competición: o C.B. Tui.

Arrincaba o partido o Obradoiro Peleteiro cunha tremenda enerxía. A velocidade en ataque, a boa circulación de balón e castigar constantemente no rebote ofensivo, facía que conseguisen as primeiras vantaxes no electrónico.

Xa no segundo cuarto os visitantes reducían as distancias grazas ao seu acerto no tiro exterior, que os mantiña no marcador ata chegar ao descanso cunha vantaxe de 48-40.

Tras o paso por vestiarios, os obradoiristas volveron dar a súa mellor versión, atopando un gran acerto desde o perímetro e, con boas situacións de un por un, eran tamén capaces de anotar preto do aro.

As distancias ían aumentando. Os visitantes só podían anotar doce puntos neste terceiro cuarto e nos últimos minutos o Obradoiro Peleteiro continuou dominando o ritmo e o marcador.

O C.B. Tui tratou de frear aos obradoiristas cunha defensa de axustes nos últimos minutos, pero o dominio local do rebote unido ás súas boas porcentaxes de lanzamento, fixo que o marcador continuase ampliándose ata o 101 a 60 final.

Os parciais por cuartos foron: 29-18, 19-22, 26-12 e 27-8.

O primeiro partido do 2020 será o sábado 11 de xaneiro ás 10:00 horas fronte ao Estudantes de Lugo no pavillón de Montouto.