Brillante imaxe dos líderes Xuvenil A e Cadete B

O Cadete A deu a cara ante o Deportivo e segue en posición de ascenso

A xornada para as categorías inferiores da SD Compostela, sen tantas vitorias como en citas pasadas, deixounos a brillante imaxe dos dous conxuntos que marchan como líderes nas súas respectivas ligas, o Xuvenil A e o Cadete B. Ambos selaron senllas goleadas, que se sumaron aos resultados positivos do Cadete C, Alevín A e Benxamín A. Tamén se mereceu unha mención, a pesar da derrota, o gran partido do Cadete A ante o Deportivo B.

En primeiro lugar, o Zona Vella-SD Compostela non puido manter a súa dinámica de resultados e caeu, tras cinco xornadas, na súa visita ao Vea, que o adianta na táboa. Os branquiazuis, nun campo de terra e cun día chuvioso, non foron quen de superar estas adversidades e perderon por 2-1, a pesar do gol do seu goleador Bruno Pouso. Con todo, seguen a cinco puntos do líder.

En Liga Galega, o Xuvenil A fixo bo o empate cultivado a semana anterior cun contundente triunfo por 8-1 contra o Orillamar. Os nosos demostraron un vendaval de xogo para superar ao seu rival, nun duelo no que brillou con luz propia Christian, pichichi da competición, que anotou un póker de goles e xa suma 13. Ademais, anotaron Adrián Rodríguez, dous, Óscar Remuiñán e Jaime Taboada.

Cos tres puntos, amplían a vantaxe ata as cinco unidades co segundo, o CD Boiro. Por contra, o Xuvenil B volveu caer pola mínima, 2-1, na súa visita ao O Pino, nun choque no que marcou Agustín Pintos.

O Cadete A, en Liga Galega, non puido sumar desta vez, ao verse superado polo líder, o Deportivo B. Con todo, os branquiazuis deron a cara en todo momento para caer de pé por 3-5. O duelo entre os dous primeiros clasificados marchouse para A Coruña, a pesar do dobrete de Iker Carril e o gol de Pablo Granja. A pesar diso, os nosos seguen de segundos, posición de ascenso directo, con dous puntos de vantaxe sobre o EFM Boiro.

Mellor sorte tivo o Cadete B, que segue como líder e invicto, tras golear ao La Salle por 1-6. Zubo Yang asinou un dobrete, completado coas dianas de Rubén Sande, Xiao Pereiro, David Porto e Asier Guldris. Igualmente, o Cadete C superou por 2-3 ao Lalín B e escalou ata a cuarta posición na táboa, con dous goles de Fabián Lamela e outro de Leo González.

En infantís, o Infantil A perdeu pola mínima, 4-3, contra o Escola Estrada, que remontou nos últimos instantes a vantaxe compostelanista. Lucas Dagnac, Leo González e Anxo Fuentes puxeron aos nosos por diante, pero ao final triunfaron os locais. Mentres tanto, o Infantil B cultivou a primeira derrota do curso ante o novo líder, o Bastavales. O duelo foi moi igualado e decidiuse polo acerto visitante para acabar 0-2.

En fútbol 8, o Alevín A subiu un chanzo, ata a segunda posición, e colocouse a un só punto do líder, o Amio, tras superar por 10-4 ao Vista Alegre. Precisamente, a seguinte semana xogará o derbi no alto da táboa. Pola súa banda, o Alevín C perdeu 3-6 ante o Bertamiráns. O Benxamín A tamén escalou ao terceiro posto, adiantando ao Vista Alegre, ao que superou por 4-3. Á súa vez, o Benxamín B perdeu contra o Oroso. E, por último, o Prebenxamín A perdeu contra o segundo clasificado, o Bertamiráns.

Para rematar, en fútbol sala, esta fin de semana só xogou o Biberón A, que perdeu contra o líder, o Atlético Fátima.