Crónicas canteira Obradoiro CAB

Senior: Obradoiro Silleda

O Obradoiro Silleda pecha unha nova vitoria grazas a un gran último cuarto ante o USAL La Antigua de Salamanca (93-73)

O Obradoiro Silleda recibiu no pavillón César González Fares a un USAL La Antigua de Salamanca que viña de gañar na súa pista ao Universidad de Valladolid.

Os locais entraron en partido cun xogo moi sólido, freando o 1×1 rival e sendo capaces de atopar boas posicións de tiro que lles fixo lograr as primeiras vantaxes cun 12-4 de saída. Aos poucos, os de Salamanca empezaron a atopar mellor ritmo ofensivo, logrando varias canastras preto de pintura para ir reducindo as vantaxes.

Entrouse nun segundo cuarto no que as forzas parecía que se igualaban por completo. Os obradoiristas mantiñan a vantaxe pero non lograban as porcentaxes necesarias para aumentar a súa distancia no electrónico. O desacerto en situacións cómodas preto da pintura e desde o tiro libre, facía que o USAL La Antigua se mantivese moi preto ao chegar ao descanso (39-34).

Tras o paso polo vestiarios a dinámica continuaba. O Obradoiro Silleda mantiña unha boa circulación de balón pero cunha falta demasiado grande de acerto. Aos poucos estas porcentaxes foron subindo e os locais lograron por fin no último cuarto, dar o golpe final para rematar de romper o partido. Desta forma, o Obradoiro Silleda pechou cun gran último cuarto unha nova vitoria fronte a un durísimo rival por 93- 73.

Os parciais por cuartos foron: 21-15, 18-19, 23-22 e 31-17. Por parte do Obradoiro Silleda anotaron: A. Pérez (20), G. Jofresa (14), B. Losada (6), M. López (2), S. Eggertsson (14), V. Villadoniga (2), M. Fernández (11), M. Paz (-), A. Sow (8), J. Cal (14), G. González (-) e G. Arejolaleiba (2).

A próxima fin de semana, o Obradoiro Silleda viaxará ata Valladolid na súa primeira saída fóra de Galicia, nun encontro que se celebrará o domingo ás 12:30 horas, co obxectivo de manter a boa dinámica de resultados.

Junior: Obradoiro Peleteiro

O Obradoiro Peleteiro segue coa súa serie de vitorias grazas ao seu acerto en Ourense (60-86)

O Obradoiro Peleteiro visitou a pista do Bosco Salesianos, nun encontro no que os visitantes marcaron o camiño nunha gran primeira parte.

Arrincou o partido cun Obradoiro Peleteiro logrando unha defensa sólida e un gran acerto ofensivo. Xogando principalmente desde o poste baixo, os obradoiristas foron capaces de anotar canastras preto do aro e castigar ao mesmo tempo as rotacións exteriores para terminar de abrir vantaxe desde o perímetro.
No segundo cuarto o partido comezou a igualarse, os locais trataron de reducir as súas desvantaxes a través dunha defensa zonal que freou o ritmo dos obradoiristas, axudando ao mesmo tempo a roubar varios balóns para sumar un par de canastras ao contraataque e irse ao descanso cun marcador de 23-41.

Xa na segunda metade os obradoiristas volvían dominar o ritmo do partido; subindo a súa presión defensiva foron capaces de frear o xogo local e volver sumar puntos a campo aberto para terminar de romper o encontro.

A partir deste intre a igualdade volveu no xogo durante o último cuarto, pero non no marcador, logrando acabar con boas sensacións o Bosco Salesianos pero pechando, a pesar destes bos minutos locais, o Obradoiro Peleteiro unha nova vitoria, esta vez por 60-86.

Os parciais por cuartos foron: 5-21, 18-20, 14-27 e 23-18.

A próxima fin de semana o Obradoiro Peleteiro recibirá no pavillón de Montouto ao C.B. Tui o sábado a partir das 10:00 horas.

Junior: Grupo Caeiro Obradoiro Ames

O Grupo Caeiro Obradoiro Ames logra un novo triunfo na súa visita a Boiro (42-116)

O Grupo Caeiro Obradoiro Ames visitou a localidade de Boiro para medirse ao C.B. Santa Baia nunha nova xornada da 2a División Junior, nun encontro que os obradoiristas dominaron durante os corenta minutos. Os de Santiago deron un paso máis no seu crecemento como grupo á vez que certificaban unha nova vitoria.Desde o salto inicial os visitantes dominaron por completo o ritmo do xogo grazas a un gran nivel defensivo, que lles permitiu lograr unha ampla vantaxe xa ao final do primeiro cuarto. A partir de aí, o Grupo Caeiro Obradoiro Ames mantivo o nivel de concentración e, coa participación de todos os xogadores, puido volver cun novo triunfo que o mantén na parte alta do grupo.

Os parciais por cuartos foron: 5-29, 12-29, 11-31 e 14-27. A próxima fin de semana o Grupo Caeiro Obradoiro Ames recibirá no pavillón Lorenzo da Torre, o sábado ás 10:00 horas, ao Nucamsa Basketdeza.

Cadete: Balidea Obradoiro

O Balidea Obradoiro gaña de local ao Novobasket de Vigo na quinta xornada de Liga (76-24)

O Balidea Obradoiro recibiu de local ao Novobasket de Vigo no pavillón Lorenzo de la Torre.

O partido comezou cun gran dominio por parte do Balidea Obradoiro que, a base dunha defensa presionante en toda pista, puxo en problemas aos de Vigo forzándoos a cometer perdas de balón e conseguía correr a pista para anotar e sacar as primeiras vantaxes no marcador. Chegábase ao final do primeiro cuarto con 15
puntos de vantaxe no marcador para os locais (20-5).

No segundo cuarto, os obradoiristas mantiveron a intensidade defensiva e controlaron o ritmo do partido, sendo capaces de circular ben o balón en ataque, atopando boas opcións de tiro, para irse ao descanso cunha clara vantaxe no electrónico (44-14).

Tras o paso polos vestiarios, a pesar da diferenza no marcador, os de Novobasket seguiron optando pola defensa presión con 2×1 en todo o campo, que obrigaba aos obradoirisatas a buscar as vantaxes en posesións curtas que salvo algúns minutos de algo de descontrol e imprecisións foron capaces de castigar o aro rival e manter o control do partido.

Os parciais de cuartos foron: 20-5, 24-9, 13-6 e 19-4.

A próxima xornada, o Balidea Obradoiro visitará a pista do Peleteiro, o sábado 23 ás 18 horas.

Cadete: Café Sabora Obradoiro

O Café Sabora Obradoiro vence ao Noia Autos Patiño (103-25)

Segundo encontro para os obradoiristas no que mostraron a súa superioridade tanto física como técnica ante o seu rival dende o inicio do encontro.

Os xogadores do Café Sabora Obradoiro mostrou un gran xogo, con moita velocidade nos contraataques e anotando con facilidade en contínuos 1×0.

A próxima xornada, os obradoiristas visitarán ao líder invicto do grupo, o Peleteiro, nun partido que será seguro moi interesante.

Cadete: Obradoiro Cab 05

Derrota para o Obradoiro CAB ante o AD Basquet Ames pola mínima (82-80)

O Obradoiro CAB 05 rematou a fin de semana con derrota tras un encontro emocionantísimo ata os instantes finais na pista do AD Basquet Ames.

O partido estivo marcado pola igualdade dende o salto inicial e decidiuse polos pequenos detalles. Os obradoiristas non estiveron acertados dende a liña de tiros libres (9/24) o que fixo que a vitoria fose para os locais.

Resultado por cuartos: 16-9//22-24//13-24//21-15//10-8 Víctor (28), Marcos (5), Iván (4), Fernando (2), David (3), Brais (6), Xoan (3), Hugo, Álvaro (7), Anxo (8), Juan (14).

Infantil: Cenor Obradoiro

O Cenor Obradoiro consegue a quinta vitoria da tempada ante o KFC Culleredo (76-45)

Quinta xornada e quinta vitoria consecutiva para os infantís, nun partido de refachos no que os locais mostraron a súa superioridade grazas a unha gran defensa e á unha mellora na intensidade dende a primeira parte do encontro, deixando ao seu rival en tan só 13 puntos anotados na primeira parte.

A pesar de que fallaba o acerto no bando obradoirista, esa defensa foi clave para manter unha vantaxe cómoda no marcador. O paso polos vestiarios sentou mal aoslocais que saíron á pista desconcentrados e permitiu aos visitantes mostrar un xogo moi rápido e agresivo ao aro que descontrolou aos locais.

Esta falta de concentración sacou aos obradoiristas do partido ata o último cuarto no que se recupero a intensidade en ataque e conseguiron así a quinta vitoria.

A próxima semana os infantís visitarán a sempre difícil pista do Estudiantes de Lugo.

Resultado por cuartos: 20-11//13-2//15-14//28-18 André (18), Román Aldrey (6), Juanjo (2), Pepe, Iago (16), Xoan (1), Alfie (15), Matías (3), Fernando (9), Hadrián (4), Leo (2), Román Pérez.

Infantil: Opticalia Obradoiro

Primeira derrota da tempada do Opticalia Obradoiro ante un gran Peleteiro (43-69)

O Opticalia Obradoiro recibiu no seu pavillón ao Peleteiro, nun encontro no que os locais pagaron unha malísima primeira parte. O partido comezou cun Obra durmido, sen moita actitude, que non corría nin para atacar nin para defender, o que propiciou que os visitantes colleran unha gran vantaxe xa dende o principio.

Nin cos cambios nin cos tempos mortos conseguiron activar a un Opticalia Obradoiro que perdeu o primeiro cuarto por 5-21. No segundo cuarto o Obra comezou a arrincar un pouco en ataque, alternando boas accións individuais con erros inexplicables. Ademais, o problema estaba atrás, xa que Peleteiro anotaba sen ningún problema e, se non era á primeira, facíanse co rebote e xogaban ata meter canastra, xa que non existía o peche de rebote defensivo. O parcial foi de 11-20.

No terceiro período viuse unha mellor versión dos locais xa que conseguiron anotar con boas accións de contraataques e cortes a canastra en accións en estático. O parcial foi de 14-19.

E derradeiro período, os obradoiristas melloraron na defensa, sobre todo no apartado reboteador, onde o Obradoiro conseguiu coller máis rebotes en defensa.

Este cuarto gañouno o Obra 13-9, e o marcador final foi de 43-69.

Infantil: Clínica Baltar Obradoiro

Nova vitoria do Clínica Baltar Obradoiro ante o Estudiantes de Pontevedra (60-56)

O Clínica Baltar Obradoiro recibiu ao Estudiantes de Pontevedra, nun partido que comezaba moi ben para os locais, que saíron metidos no encontro o que quedou demostrado cun parcial de 12-0 nos primeiros minutos.

Despois dun tempo morto visitante, o partido foi moito máis parello, os pontevedreses axustaron o seu xogo, e o cuarto rematou 22-13.

Pese a este bo inicio, o segundo período foi xa distinto. O Clínica Baltar Obradoiro atopou serios problemas á hora de subir o balón e unha vez que o conseguían non eran capaces de sacar vantaxes no 5×5 en estático. Isto foi acompañado dunha defensa que non era capaz de roubar balóns para contraatacar, a forma da que viñeron a meirande maioría de puntos locais ao longo do encontro.

Esta sequía anotadora do Obra, máis o desacerto visitante fixo que este cuarto rematara cun parcial de 10-10.

Á volta do descanso a cousa non mellorou para o Obradoiro. O equipo seguiu sen anotar con fluidez e tiña poucas ideas no xogo de ataque. Demasiado estatismo por parte dos xogadores que non tiñan balón, sumado a unha pobre defensa, permitindo penetracións e regalando tiros libres a un Estudiantes que se aproveitou desta situación para acercarse no marcador. Esta situación local tivo como consecuencia o 7-13 de parcial no terceiro cuarto.

No derradeiro cuarto melloraron as prestacións en ataque dos locais, que conseguiron máis canastras cerca do aro grazas a cortes e balóns interiores nos que tiñan vantaxe. Sen embargo, os pontevedreses tamén subiron o ritmo de anotación.

O final voltou ser axustado para o Obra, pero a vitoria quedou en Santiago (60-56).