Obradoiro-CAB Infantil: Cenor Obradoiro

O Cenor Obradoiro inicia a tempada facéndose coa vitoria na súa visita a Betanzos (42-64)

O Cenor Obradoiro visitou a pista do Santo Domingo de Betanzos na primeira xornada da 1a División Infantil, tras o ascenso logrado a pasada tempada.

O encontro arrincou cos nervios típicos dunha primeira xornada. Os dous equipos encadearon erros no lanzamento a canastra, pero tamén nos pases, situación que souberon aproveitar os composteláns para recuperar moitos balóns na liña de pase e sumar canastras ao contraataque.

A tónica no segundo cuarto non cambiou. O Cenor Obradoiro sumaba a campo aberto e os locais tentaban pechar a súa zona para aguantar o encontro.

Xa na segunda parte, o Santo Domingo de Betanzos logrou aumentar varios puntos o seu nivel defensivo, poñendo en problemas o ataque dos visitantes, pero sen seren capaces de conseguir traspasar a férrea defensa obradoirista.

Así, no derradeiro cuarto, o Cenor Obradoiro atopou varios minutos de acerto que lle permitiron endosar un parcial de 0-10 e certificar así a súa primeira vitoria da tempada por 42 a 64.

Os parciais por cuartos foron: 10-18, 7-14, 10-13 e 15-19. O vindeiro domingo, o Cenor Obradoiro recibirá no pavillón de Lorenzo da Torre ao Baloncesto Narón, na segunda xornada da Liga Galega Infantil.