O Noso Deporte

Gran experiencia no primeiro CampusCompos organizado en Melide

Cincuenta e dous pequenos gozaron dos xogos e actividades durante cinco días

O Campo Municipal de Melide acolleu esta semana a primeira edición do #CampusCompos celebrado na localidade. Con cincuenta e dous pequenos inscritos, o resultado desta experiencia innovadora foi todo un éxito. Os nenos e nenas participantes pasárono en grande cos xogos e actividades programados polos adestradores, á vez que traballaron valores como a amizade, a autoestima, a tolerancia, a solidariedade, a igualdade, o respecto ou o deporte limpo.

Organizado durante as mañás, os menores, ademais de progresar e perfeccionar aspectos técnicos e tácticos do fútbol, tanto individuais como colectivos, gozaron tamén cos momentos de convivencia, no que se realizaron diferentes sorteos de agasallos e nos que recibiron a visita de Samu Rodríguez, xogador do primeiro equipo da SD Compostela.

A iniciativa pechouse este mesmo mediodía cunha última xornada na que puideron divertirse cos inchables acuáticos de Bj Trainers, como forma de clausurar a cita ao grande. Ademais, finalizaron o Campus coa entrega dos diplomas acreditativos da súa participación, así como co agasallo do equipamento completo do evento, xentileza de Jim Sports.

Unha vez concluído, desde a SD Compostela queremos agradecer a confianza dos pais e nais que decidiron apuntar aos seus fillos ou fillas no Campus, emprazándoos a repetir o próximo curso.

Cabe resaltar, do mesmo xeito, o labor dos adestradores, sempre atentos ás necesidades dos menores e con iniciativa para que o pasasen o mellor posible.

E por último, acordarse tamén das empresas colaboradoras que fixeron posible a aterraxe neste municipio por primeira vez e que nos achegan esa forza para seguir continuando coa expansión do proxecto branquiazul. Mención especial para Jim Sports, coa súa marca Softee, patrocinador principal, pero sen esquecerse da gran colaboración do Concello de Melide, Gadis, Viñoteca Ribeirao, García e Sánchez Construcciones, Construcciones Leonardo Miguélez, Bj Trainers, Halé Shop, Kia Compostela Concesionario, Gráficas Alonso e Deputación da Coruña.