O Noso Deporte

Tres canteiráns realizarán a pretempada co primeiro equipo

Pedro Leis

Pedro Leis, Andrés López e Christian Fernández estarán ás ordes de Yago no período estival

Tres canteiráns da SD Compostela realizarán a pretempada co primeiro equipo. Pedro Leis, do filial, e Andrés López e Christian Fernández, do xuvenil, estarán ás ordes de Yago Iglesias durante a época estival, malia que algún máis tamén participará nos adestramentos e amigables dos branquiazuis.

Os tres xogadores son vellos coñecidos do corpo técnico, xa que o curso pasado xa participaron en numerosos adestramentos do plantel santiagués. Con todo, cada caso é particular.

Pedro Leis, do Zona Vella, alternou entre o filial e o primeiro equipo durante todo o ano. O futbolista chegou mesmo a debutar en Terceira División no penúltimo encontro de liga, na vitoria por 3-1 ante a UD Somozas. Ademais, durante o curso, disputou os amigables contra o Pontevedra e o Negreira, neste último mesmo marcou un gol.

Pola súa banda, Andrés López, do xuvenil, tamén foi un habitual na campaña anterior dos ensaios do campo anexo ao Vero Boquete de San Lázaro. O mediocentro da base estivo moi presente na dinámica do equipo e participou nalgúns amigables.

Por último, Christian Fernández adestrará durante o verán co club despois de que a tempada pasada xa o fixese de maneira puntual. O dianteiro, a pesar de que formaba parte do equipo cadete, co que logrou o ascenso, xa estivo ás ordes de Yago, polo que volverá ter outra oportunidade no seu paso aos xuvenís.

Nos próximos días poderá aumentar a nómina de xogadores da base que participen de forma activa na pretempada branquiazul.