O Noso Deporte

O IV Campus de Verán do Compos será nas Cancelas do 24 ao 28 de xuño

Para nenas e nenos de 4 a 18 anos, terá xornada partida e o prazo de inscrición está aberto ata o próximo 12 de xuño

O Campo Municipal das Cancelas vivirá, do luns 24 ao venres 28 de xuño, a cuarta edición do Campus de Verán do Compos. Pensado para nenos e nenas con idades entre os 4 e os 18 anos, a cita, que mantén o seu horario de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, permite aos interesados apuntarse en réxime de medio día ou xornada completa, ademais de contar co servizo de madrugadores e coa comida, esta última cun suplemento a maiores.

Co obxectivo de roldar os cen inscritos, a actividade estará impartida por monitores profesionais, entre os que se atoparán técnicos da base do club. Todos eles farán máis amena a semana para os pequenos, agrupándoos por idades e niveis e destacando a presenza dun adestrador de porteiros.

A maiores da mellora técnica e táctica, os pequenos traballarán os valores positivos e bos modos que viran ao redor da práctica do fútbol. Haberá tempo para os xogos co balón, pero tamén outros momentos de convivencia, como os xantares e as merendas, así como unha visita guiada polas instalacións do Estadio Verónica Boquete de San Lázaro e, se o tempo acompaña, unha festa final con inchables de auga.

O prazo de inscrición está aberto xa desde mañá (15 de maio) e ata o vindeiro mércores 12 de xuño. Os interesados poderán apuntarse nas oficinas do club, completando o díptico que alí atoparán, de luns a venres das 10.00 ás 13.00 e das 16.00 ás 20.00 horas. Para máis información, o club tamén habilita o mail sdcompostela@sdcompostela.com ou o teléfono 981 57 70 41.

Os prezos son de 70€ para os xogadores da canteira da SD Compostela, 75€ os irmáns ou irmás de inscritos ou inscritas, 80€ a media xornada, 105€ para abonados ou abonadas ou fillos e fillas de abonad@s e 120€ a cota xeral. O suplemento da comida é de 35€ e esta farase, unha vez máis, na Cafetería Lois, no Centro Comercial As Cancelas.

O acto de presentación do evento foi esta mesma mañá na sala de trofeos do club coa presenza de Javier Puñal, director de marketing e desenvolvemento da entidade do club, e Víctor Pazos, coordinador da base.
“É unha honra e prestixio sumar unha nova edición do Campus, coa que pretendemos seguir potenciando o noso plan de canteira e de cidade. Os nenos e nenas pasarán unha semana moi amena na que recibirán tódolos días a visita de diferentes persoas relacionadas co deporte, xa sexan directivos, árbitros, adestradores ou futbolistas”, detallou Puñal.

Pola súa banda, o encargado de dirixir a canteira branquiazul destacou a importancia de que pais e nais poidan conciliar a vida familiar e laboral na última semana de xuño, xusto a seguinte ao remate das clases. “Trátase dunha iniciativa que lle dá continuidade ao traballo realizado durante a tempada e tamén unha oportunidade de que coñezan o noso club, o noso proxecto de canteira, que se familiaricen con el e que o desfruten”, explicou.

Por último, Puñal agradeceu tamén o apoio das diferentes empresas e entidades colaboradoras, que fixeron posible esta nova edición: Concello de Santiago, Gadis, Kia Compostela Concesionario, Halé Shop, Lambonadas, Gráficas Alonso, Armesa SL, Cervexaría Lois, Errea Sport, Aguas de Sousas e Deputación da Coruña.