O Noso Deporte

O Cadete A segue imparable e soña co ascenso

O equipo da base sumou a única vitoria da xornada acurtada

A xornada recortada para as categorías inferiores da SD Compostela, na que só se xogaron cinco encontros, deixou a boa noticia da vitoria do Cadete A, quen segue camiñando cara ao soñado ascenso. Ademais, o Xuvenil B logrou un novo empate na súa visita ao Boiro.

En primeiro lugar, o Zona Vella non puido manter a súa dinámica na visita do líder, a SD O Pino. O filial branquiazul non iniciou ben o partido e ao cuarto de hora xa encaixara dous tantos. Co paso dos minutos, os nosos foron gañando enteiros e chegaron a poñer o medo no corpo aos visitantes co tanto de Óscar Juanes. Con todo, no desconto e á contra, Carlos anotou o 1-3 final para o primeiro clasificado.

Este mesmo resultado, malia que ante o Bergantiños, segundo na táboa, foi o que encaixou o Xuvenil A. Os visitantes empezaron de maneira fulgurante e fóronse ao descanso con tres tantos de vantaxe, marcador que só puideron maquillar os nosos co gol de Mario Santamaría nos últimos minutos.

Pola súa banda, o Xuvenil B logrou un novo empate 1-1, na súa visita ao EFM Concello de Boiro. Os branquiazuis lograron o seu resultado máis común nesta tempada, nun novo encontro no que se puxeron por diante e que recibiron a igualada nos últimos instantes. Anxo Ferro marcou no 74, pero os locais anotaron dez minutos máis tarde para selar un punto.

A única vitoria da fin de semana chegou co Cadete A, líder indiscutible da Primeira Autonómica e que con 73 puntos, nove de vantaxe respecto a os seus perseguidores, xa soña co ascenso. Iker Carril, co seu décimo sétimo tanto da tempada, e Adrián Álvarez puxeron o 2-0 aos 35 minutos, vantaxe que recortaría o Sálvora na segunda metade, pero os tres puntos xa non se marcharon da marcadora branquiazul.

Por último, o Infantil A deu a talla contra o Sálvora, un dos conxuntos que está a loitar polo liderado, pero acabou caendo pola mínima, 0-1.