O Noso Deporte

O Cadete A aguanta a presión no liderado

Triunfo ante o Oroso que se uniu aos do filial e aos dos líderes en fútbol 8

O Cadete A segue aguantando a presión do Amio e sumou unha nova vitoria en liga para manter o liderado. O triunfo do brillante equipo branquiazul uniuse aos do filial, que recuperou sensacións ante o Touro, o Alevín A e Prebenxamín B, que seguen como primeiros clasificados dos seus respectivos playoff, o Benxamín B e o Biberón.

En primeiro lugar, o Zona Vella sufriu, pero recuperou a senda da vitoria tras superar ao Touro por 3-4. Os santiagueses parecían ter o partido controlado tras os goles de Jean Pierre Leonardo Mina e Diego Crego no primeiro cuarto de hora, pero os locais, tirando de orgullo, viraron o marcador antes do tempo de descanso. Con todo, o filial non se deixou sorprender e remontou no segundo acto por mediación de Jorge Lorenzo, de penalti, e de Anxo García. Estes tres puntos volven situar ao equipo no sétimo lugar.

Peor sorte correron ambos xuvenís, sorprendidos no seu campo polo Dumbría e o Escola Estrada, respectivamente. O Xuvenil A non aproveitou o fallo dos líderes e segue co seu mal fario neste 2019 tras caer por 0-2, baixando deste xeito ao quinto posto da clasificación. Á súa vez, o Xuvenil B, que marchaba invicto no que ía de ano, foi sorprendido na Merced por un conxunto estradense que rendibilizou ao máximo a súa diana á hora de xogo. O mal tempo e a adaptación ao campo provocaron que os nosos non fosen capaces de perforar a meta rival.

En cadetes, non houbo dobrete esta vez, pero si unha vitoria e un empate moi meritorios. O Cadete A, líder invicto ata a data, aguanta o pulso co Amio, despois de tirar de oficio para superar ao sempre complicado Xuventude Oroso. Iker Carril anotou aos cinco minutos de xogo e o marcador xa non sufriu cambios ata o final. Mentres tanto, o Cadete B defendeu á perfección a súa posición na táboa na súa visita ao Cire Melide, o seu inmediato perseguidor, contra o que empatou 3-3. Uxío Figueroa foi o encargado de abrir o marcador, pero ante os tiróns dos locais, os goles de Zubo Yang e de novo de Uxío tiveron a encomenda de igualar o duelo.

O Escola Estrada tamén foi o verdugo de ámbolos dous equipos infantís. O Infantil A, que leva un gran inicio de ano, caeu por 4-1 a pesar de poñerse por diante no luminoso á media hora. O tanto de Anxo Fuentes non foi suficiente, porque os locais remontaron nun segundo acto no que tiveron a sorte de fronte, xa que dous dos seus goles foron en propia porta. E o Infantil B, pelexou ata o final, pero viuse superado por 2-0.

En fútbol 8, o Alevín A segue liderando o seu playoff de descenso logo de superar ao Arzúa nos últimos minutos. Os nosos gañaron por 1-2 e suman xa 9 puntos. Por contra, o Alevín B perdeu en liga contra un potente Bertamiráns.

Outros dous triunfos chegaron na xornada do venres, na que o Benxamín B superou ao Peleteiro, para seguir na parte cómoda da liga, e o Prebenxamín B ao Villestro, mantendo o liderado na segunda fase da competición e deixando en tres unidades a vantaxe co seu rival desta xornada que é o seu inmediato perseguidor. Nesta fase tamén está inmerso o Prebenxamín A, pero no seu caso perdeu contra o Nicrariense.
Por último, o Biberón gañou ao líder, o SR Calo, e igualou con el, ambos con nove puntos, no alto da Segunda División.